Novas fórmulas de traballo chegan a Pontevedra a través do coworking.

Por Marta Cerviño
web
facebook
evento creado en facebook
coworkingpontevedra@gmail.com
Grazas aos meus amigos sempre descubro novos cantos e lugares con encanto en Pontevedra, servíndome para ampliar horizontes. Moitas veces cando levas tempo vivindo nesta cidade pensas que son só catro paredes. Pero hai días que isto cambia.
Non hai cousa coa que goce máis que ver novos proxectos e sentir os nervios dos seus creadores antes de dar o gran salto, apostando por ideas marabillosas en lugares apartados das grandes poboacións.
A verdade que é digno de admiración nos tempos que corren, xa o sabedes. Pero tamén é tempo de oportunidades. E este xoves será un deses días.
África Rodríguez e María Pierres, consultora do sector público e arquitecta respectivamente, uniron forzas para crear en Pontevedra un espazo de Coworking.
Se nunca oístes falar diso ou simplemente queredes saber máis información ao respecto, non dubidedes en pasarvos este xoves 7 de marzo pola primeira planta do Hotel Galicia Palace, ás 20 h.
Será a presentación oficial de Coworking Pontevedra!
Este mércores a última hora da tarde tiven a gran sorte de poder facer unhas fotos do piso onde se vai xerar este proxecto.
Aínda lle queda unha boa reforma pero foi abrir a porta e quedar namorada.
Ten tantas posibilidades!
Se es enxeñeiro, deseñador, informático, economista, escritor, mago, encantador de serpes ou plantador de novas ideas... recibirante cos brazos abertos.
O piso está en pleno centro de Pontevedra (na presentación desvelarán o lugar concreto) e o bo é que ten moitas alternativas para os artistas e creativos, contando para iso cunha sala multidisciplinar. Ademais o piso ofrece moitas posibilidades para calquera tipo de evento, sesión de fotos, exposición e demais...
Toda axuda é pouca e o que queren é que se poida dar a maior difusión posible, ademais de poder formar parte deste proxecto como coworker ou como profesional que queira dinamizar esta cidade.
Síntete libre de difundir esta información a quen creas que lle poida ser útil.