A asociación Villas Marineras expulsa a Sanxenxo por deber as cotas de 2015 e 2016
Por Redacción
A asociación de 'Villas Marineras', que está actualmente integrada polos concellos de Ribadesella, Llanes, Cudillero, Laredo, Santoña, San Vicente de la Barquera, Ortigueira, Baiona e Viveiro, expulsou ao Concello de Sanxenxo. A situación denunciouna este venres o PP da localidade e recoñeceuna pouco despois o propio goberno local, pero ambos dan explicacións contraditorias sobre o ocorrido. Si coinciden en que debe dúas anualidades, as de 2015 e 2016.
O Concello explica que a expulsión se acordou na última asemblea da asociación a petición do Concello de Baiona e destaca que se trata dun municipio "curiosamente gobernado polo PP". Ademais, engade que oficialmente non teñen constancia do ocorrido nesa asemblea, senón só por referencias da xerente do colectivo e matiza que, na súa opinión, é "canto menos irregular" tomar unha decisión deste calado sen comunicarselo ao municipio interesado.
O PP explica que a expulsión se acordou durante unha reunión con motivo da celebración de Fitur á que non asistiu Sanxenxo e que se decidiu porque Sanxenxo debe dúas anualidades. Os 'populares' fan referencia a que a presidenta do colectivo asegurou que a expulsión efectuouse porque Sanxenxo "se desentendeu de reunións e actividades desde hai algún tempo".
O goberno local recoñece que no que vai de mandato contactaron por primeira vez con 'Villas Marineras' no mes de xaneiro e que, desde entón, houbo tres reunións e asistiron a dúas, pero á última non porque lles coincidía con outra cita dentro da feira Fitur. Ademais, asegura que nunha asemblea comunicaron a súa intención de pagar as dúas cotas que debían "por cuestións meramente burocráticas".
O PP móstrase sorprendido por "ata onde pode chegar o abandono e a falta de interese do goberno de Sanxenxo por desenvolver unha estratexia turística eficaz e coherente" mentres que o goberno local asegura que si se mostraron activos con 'Villas Marineras' e lles trasladaron aos seus responsables o seu "descontento" co funcionamento da asociación e propúxolle elaborar un Plan Estratéxico de Turismo e trasladoulle a necesidade de mellorar a operatividade e retorno das accións de promoción, tendo en conta que a cota por pertencer ao colectivo é de 6.000 euros.
O Partido Popular considera a expulsión como "un feito moi grave que non ten precedentes e que demostra unha vez máis que o tripartito é o peor goberno que tivo Sanxenxo" e engade que o feito de que os expulsaran é "bochornoso" e "unha vergoña que mancha o prestixio turístico de Sanxenxo. O goberno local lémbralles que 'Villas Marineras' fundouse con máis de 20 municipios, eran 10 no verán de 2015 e agora só quedan seis -oito segundo o PP- e que ten baixas constantes e "funcionamento pouco profesional".
Relacionadas:
-
Sanxenxo remite unha queixa pola súa expulsión de Villas Marineras pero non pedirá o reingreso
Por Redacción |
-
Sanxenxo mostra a calidade da gastronomía de 'Villas Marineras' no primeiro intercambio de cociñeiros
Por Redacción |
-
Sanxenxo protagonizará o primeiro intercambio gastronómico de Villas Marineras
Por Redacción |