Sanxenxo protagonizará o primeiro intercambio gastronómico de Villas Marineras
Por Redacción
"Ademais de compartir unha cultura e tradición vinculada ao mar, as localidades que formamos a asociación Villas Marineras temos en común unha gastronomía de calidade baseada na excelencia dos produtos", sinalou a alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González, ao anunciar que o municipio protagonizará o primeiro e único evento gastronómico que a agrupación desenvolverá en Galicia co obxectivo de difundir "un dos principais atractivos destas vilas do norte de España".
Así, a xunta xeral desta agrupación integrada por Sanxenxo, Baiona, Viveiro, Ortigueira, Cudillero, Ribadesella, Llanes, San Vicente de la Barquera, Santoña e Laredo acordou, na reunión celebrada en Madrid o pasado mes de xaneiro, poñer en marcha un intercambio gastronómico que terá lugar en cada unha das tres comunidades autónomas das Villas Marineras e no que participarán todas as localidades organizadoras.
Sanxenxo estreará, pois, esta iniciativa que tras a campaña estival se exportará a Asturias e Cantabria e á que se sumarán cociñeiros deste destino turístico "que se encargarán de amosar algo tan importante e que tanto nos identifica como é a nosa cociña", apuntou a rexedora.
Esta acción terá lugar o próximo xoves día 20, a partir das 14.00 horas, na Escola de Hostalaría da Mancomunidade do Salnés, situada no Centro de Vacacións A Lanzada.
Nesta ocasión serán Alfonso López, do restaurante Plaza de Laredo; Jaime Uz, do restaurante Arbidel de Ribadesella; e José María García, do restaurante Louzao de Viveiro; os profesionais encargados de preparar o menú, para o que contarán coa colaboración dos estudantes da escola anfitriona.
Alcaldes de Vilas Mariñeiras e da comarca do Salnés, representantes do CETS e do Clúster de Turismo de Galicia e medios de comunicación acudirán a este intercambio.
Relacionadas:
-
A asociación Villas Marineras expulsa a Sanxenxo por deber as cotas de 2015 e 2016
Por Redacción |
-
Sanxenxo quere que os barcos destinados a despezamento se empreguen para fins turísticos
Por Redacción |
-
Sanxenxo mostra a calidade da gastronomía de 'Villas Marineras' no primeiro intercambio de cociñeiros
Por Redacción |