Cubela critica a "esquizofrenia" socialista en Cerdedo-Cotobade tras a fusión
Por Oskar Viéitez
O presidente de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, amosou a súa "absoluta sorpresa" polo feito de que o grupo municipal do PSOE criticase a rebaixa da partida de cargos políticos nos vindeiros orzamentos municipais para 2017, que pasará de 107.000 a preto de 73.000 euros tras minguar un 32%.
Cubela lembrou que cando gobernaban os socialistas cos nacionalistas en Cotobade "gastaban máis do dobre, 154.000 euros, en catro soldos e as asistencias".
"Crin que unha medida así non tería debate, pero como é unha das moitas vantaxes da fusión e seguen escocidos co tema, pois critican aínda que non teña sentido", dixo Jorge Cubela convencido de que "os veciños deben alucinar cando ven que o único grupo da oposición critica ao goberno por gastar menos en cargos políticos", aseverou o munícipe.
Ademais, respecto ás críticas socialistas de que non hai aforro porque simplemente o vicepresidente, José Balseiros, pasou a cobrar como deputado do Parlamento galego, Cubela cre que retratan perfectamente a "esquizofrenia" socialista en Cerdedo-Cotobade tras a fusión e os sucesivos resultados electorais favorables ao PP.
"Balseiros pode cobrar de onde sexa, pero é innegable que xa non cobra do concello, o cal supón un aforro para as arcas municipais", significou Cubela.