Cuntis quere contar cunha oficina de turismo permanente
Por Redacción
Este mércores tivo lugar na sede da Axencia Galega de Turismo da Xunta de Galicia, unha xuntanza entre o concelleiro de turismo do Concello de Cuntis, Enrique Portela, acompañado de Manuel Martínez, técnico da área de turismo, coa directora xeral de promoción económica, María del Carmen Pita Urgoiti.
Entre as cuestións que se trataron en dita xuntanza están as posibilidades de Cuntis de acceder á categoría de municipio de interés turístico, o que suporía un impulso á promoción e difusión do municipio.
Así mesmo, formulouse a intención por parte do goberno local de levar a cabo a sinalización e mellora da accesibilidade de numerosos recursos turísticos e determinadas rutas de senderismo. A Xunta estudará a proposta do goberno local para esta fin.
Ademais, a reunión serviu para presentar á directora xeral a intención de mellorar a marca turística de Cuntis, coa creación dunha oficina de turismo permanente que se incluirá dentro das redes de oficinas da Axencia Galega de Turismo.
Por último, abordouse a importancia da Festa do Lacón con Grelos e a súa potenciación en vindeiras edicións.