Cuntis estuda solicitar a declaración de 'Municipio Turístico'
Por Redacción
O goberno municipal de Cuntis está a estudar a posibilidade de solicitar a declaración da localidade como ‘Municipio Turístico’. Trataríase dun fito que tería repercusión non só na planificación e o fomento turístico do concello senón tamén á hora de levar a cabo políticas de implantación e de mellora de infraestruturas, establecendo canais de cooperación entre administracións que permitan o impulso do sector no ámbito municipal.
Así llo comunicou este mércores o concelleiro de Cultura, Enrique Portela, aos representantes da empresa Termas de Cuntis S.L., donos do balneario da vila, durante a cal se abordaron unha serie de cuestión relacionadas co sector turístico do concello e a súa promoción a nivel autonómico, nacional e internacional.
Neste sentido, abordouse a posibilidade de incluír a Cuntis dentro do Europe Senior Tourism, un proxecto dirixido a persoas maiores de 55 anos procedentes de todos os países da Unión Europea e que ten como principal función potenciar a chegada de visitantes a Cuntis entre os meses de outubro e maio.
O Concello entende que esta opción permitiría dotar a Cuntis de visitantes "nuns meses nos que o sector turístico sofre un pequeno baixón".
Ademais, o goberno municipal quere complementar o turismo termal con outras tipoloxías de turismo, especialmente o turismo cultural e arqueolóxico.
Para iso, Enrique Portela avanzou que se está xa a traballar na sinalización de rutas de sendeirismo, roteiros culturais e na organización de visitas guiadas a elementos tan importantes para Cuntis como son o Castro de Castrolandín, os petróglifos de Cardecide, Cequeril e A Ran ou o conxunto da Reitoral de Estacas.