Lores pedirá a Fomento unha solución para o "scalextric" de Praceres
Por Alejandro Espiño
A futura conexión entre Pontevedra e Marín, a través do paseo peonil e ciclista que proxecta Costas, fai máis necesario que nunca, segundo o Concello, unha solución ao coñecido como "scalextric" de Praceres.
Así llo demandará o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, aos representantes da demarcación provincial de Estradas do Estado nunha reunión que se celebrará, previsiblemente, nun par de semanas.
Fernández Lores explicou a PontevedraViva que ao goberno municipal preocúpalle "especialmente" a seguridade viaria na entrada do porto, onde non existen pasos de peóns, e no ámbito de Estribela e Praceres.
A conexión peonil e ciclista entre Pontevedra e Marín ten, neste punto, unha "especial dificultade", recoñeceu o alcalde, que pedirá unha solución definitiva a esta perigosa ligazón viaria.
Nesta reunión, Lores pretende repasar con este organismo dependente de Fomento outros compromisos deste ministerio con Pontevedra, como a reforma do nó de Bombeiros e a nova ligazón de conexión coa AP-9, a humanización da estrada de Vigo ou a continuidade da A-57 ata Barro.
Con respecto a este último asunto, o alcalde espera que Fomento cumpra os prazos para a construción do tramo entre Vilaboa e A Ermida e que, posteriormente, a autovía continúe ata Barro "porque é como realmente funcionaría".
O rexedor pontevedrés reiterou que a A-57 é unha obra "necesaria e imprescindible", porque entende que sacaría o tráfico pesado dos viarios urbanos, especialmente das estradas O Pino-Bora e a vella nacional a Vigo en Salcedo, un viario onde hai un tráfico "infernal".
En función do resultado da reunión, "xa veremos" se o goberno municipal acaba por pedir unha entrevista co novo ministro de Fomento, Íñigo de la Serna.
Relacionadas:
-
O paseo peonil entre Pontevedra e Marín, máis preto
Por Redacción |
-
Un "centro lúdico" ao aire libre, último paso para reordenar a praza dos Praceres
Por Alejandro Espiño |
-
A APDR pide a retirada do proxecto do paseo peonil e ciclista a Marín
Por Oskar Viéitez |
-
Marea presenta alegacións ao proxecto da pasarela peonil entre Marín e Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
A reforma do Nó de Bombeiros ascenderá a cinco millóns de euros
Por Alejandro Espiño |
-
Costas unirá Pontevedra e Os Praceres no primeiro treito do paseo peonil a Marín
Por Alejandro Espiño |