Un "centro lúdico" ao aire libre, último paso para reordenar a praza dos Praceres
Por Alejandro Espiño
A reordenación da praza dos Praceres concluirá cunha nova actuación na que traballa xa o Concello. O goberno municipal decidiu investir uns 98.000 euros en crear unha especie de "centro lúdico" ao aire libre, que sirva de "exemplo" para outras zonas do municipio, segundo explicou o concelleiro de Rural, Demetrio Gómez Junquera.
A falta de completar a rehabilitación da zona de Ou Cabo, nos últimos meses reformouse e reordenado varios dos espazos públicos do barrio, entre eles a propia praza. Agora, dixo o edil do BNG, "era o momento" de renovar a oferta lúdica de equipamentos, mellorando as áreas actuais e instalando elementos novos.
Farase a través de espazos ben diferenciados.
Así, a zona infantil concentrarase no actual parque situado na Rúa do Areal. Ademais de renovar todos os xogos, mellorarase o chan e instalarase un novo peche, máis apropiado para parques destas características. Ademais, engadiranse máis xogos, entre eles, un elemento que imitará a unha árbore e que se integrará coa contorna natural.
O pequeno parque infantil situado fronte á casa parroquial reconverterase nunha zona para actividades máis tranquilas. O Concello ten previsto colocar mesas con xogos incorporados, como parchís, oca, xadrez ou cartas, apostando por dedicar este espazo aos xogos de mesa propiamente ditos.
Esta actuación incluirá tamén, nas inmediacións da área polideportiva -onde se pode practicar fútbol ou baloncesto-, unha zona reservada para xogos tradicionais "para xente de máis idade" como chave ou petanca.
A previsión do Concello é que todo este equipamento estea instalado e listo para comezar a usarse antes do próximo verán.