A APDR pide a retirada do proxecto do paseo peonil e ciclista a Marín
Por Oskar Viéitez
A Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) vén de presentar alegacións ao proxecto do paseo peonil e ciclista a Marín que "en boa medida" entra en contradición coa aspiración deste colectivo ecoloxista de recuperar a zona que hoxe ocupan algunhas infraestruturas viarias como a PO-11 e a PO-12 e o complexo Ence-Elnosa e que "axudaría a normalizar a presenza das citadas infraestruturas e do propio recinto fabril".
O presidente de Defensa da Ría, Antón Masa, aclara que "na APDR non renunciamos a recuperar as nosas praias urbanas e o banco marisqueiro roubados coa chegada de Ence. Non semella lóxico, xa que logo, seguir facendo intervencións urbanísticas que estarían chamadas a seren eliminadas no futuro".
Pero, ademais, a APDR atopa distintas "eivas" no proxecto proposto, entre elas o feito de que o paseo e o carril bici rematen nos Praceres, "cando o lóxico sería chegar ate Marín, ou que no último tramo do paseo compartan espazo ciclistas e peóns".
Os materiais utilizados para a construción da pasarela peonil, de aluminio e pavimentación con material sintético de fibra orgánica e policloruro de vinilo imitando a madeira, "non semellan os máis axeitados tendo en conta que se trata de dar continuidade ao paseo existente na actualidade, realizado en madeira tratada", din dende a APDR. E o mesmo sucede no paseo peonil e carril-bici, cunha pavimentación en base a elementos de formigón de cor "semellante á madeira".
Por outra banda, a pasarela proxectada, vaise construír sobre o borde mariño utilizando para elo unha cimentación a base de pilotes fincados sobre o fondo do mar, o que, segundo apunta Antón Masa "pode provocar problemas ambientais", tanto polo que fai ao movemento de materiais do sedimento, como pola máis que posible existencia de rochas que terán que romperse mecanicamente, "o que supón unha clara incidencia no medio".
Para Antón Masa este proxecto "deixa en evidencia máis unha vez o absurdo de manter nesta zona un complexo como Ence-Elnosa que está a interferir de forma clara no desenvolvemento urbanístico de Pontevedra e Marín, e que leva á administración a realizar proxectos cos que se pretende solventar problemas que, de non ser por esta realidade, poderían ser resoltos sen necesidade de afectar como se fai neste caso sobre o medio natural".
En base ás alegacións presentadas, a APDR solicita a "retirada do proxecto" e que se enfronte "dunha vez por todas a eliminación do verdadeiro problema na zona, que non é outro que o da presenza do complexo industrial de Lourizán, o que solventaría os problemas ambientais da comarca pero tamén os urbanísticos da zona comprendida entre Pontevedra e Marín, facendo posible solventar de forma axeitada os problemas que de forma parcial e pouco precisa pretende solventar este proxecto".
Relacionadas:
-
Marea presenta alegacións ao proxecto da pasarela peonil entre Marín e Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Lores pedirá a Fomento unha solución para o "scalextric" de Praceres
Por Alejandro Espiño |
-
O proxecto de paseo a Marín non colma as aspiracións dos ciclistas de Pedaladas e Masa Crítica
Por Oskar Viéitez |
-
Costas unirá Pontevedra e Os Praceres no primeiro treito do paseo peonil a Marín
Por Alejandro Espiño |