A colaboración cidadá permite á Garda Civil recuperar en Cuntis un vehículo subtraído en Asturias
Por Redacción
A Garda Civil detivo esta fin de semana en Cuntis un home de 55 anos, veciño da localidade de Tineo (Asturias), como suposto autor dun delito de furto de uso dun vehículo a motor, que supostamente subtraera nunha localidade próxima á súa residencia.
Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, o vehículo, un Fiat-Stylo, fora subtraído o día 15 deste mes cando estaba estacionado na vía pública, coas chaves postas, nas inmediacións do domicilio do seu propietario na localidade asturiana de Anes-Siero.
As investigacións realizadas pola Garda Civil para o esclarecemento dos feitos, determinan que o arrestado subtraera o vehículo co obxecto de desprazarse ata Cuntis, onde estivera residindo hai algúns anos.
O vehículo foi recuperado nunha parroquia de Cuntis, sen carburante e nas inmediacións dun camión ao que tamén lle roubaron o combustible.
As investigacións deste caso correron a cargo do equipo de investigación da Garda Civil da compañía de Vilagarcía de Arousa, co apoio dos postos de Caldas de Reis e Cuntis e a inestimable colaboración cidadá que, cos seus testemuños, facilitaron o total esclarecemento dos feitos.
Unha vez máis, dentro da investigación foi fundamental a colaboración cidadá, que de maneira incesante comunica á Garda Civil multitude de datos e que se desenvolve fundamentalmente a través do teléfono 062, do portal da internet "Colabora" deste corpo e dos perfís oficiais nas redes sociais do mesmo www.guardiacivil.es, sugerencias@guardiacivil.org, Guardia Civil (Facebook) e @guardiacivil (Twitter).