O BNG levará ao Parlamento as deficiencias e inseguridade da estrada vella de Marín
Por Redacción
O grupo parlamentario do BNG, a través do deputado e concelleiro pontevedrés Luís Bará, presentará unha proposición non de lei para o seu debate en comisión na que demanda á Xunta de Galicia a mellora da rúa Rosalía de Castro e da estrada vella entre Pontevedra e Marín, de titularidade autonómica e na que se detectan deficiencias e falta de seguridade.
Precisamente, o colectivo Pedaladas e veciños do barrio pontevedrés de Mollabao reuníronse este martes para abordar a situación do vial e trasladar as súas queixas ao Concello de Pontevedra.
Os nacionalistas lembran que o Concello de Pontevedra xa solicitou en numerosas ocasións á Xunta de Galiza que realice actuacións de mellora da rúa Rosalía de Castro ou, no seu defecto, que lle autorizase a realizalas.
Dado que a administración autonómica non actúa, nin fixo caso a acordos plenarios neste sentido, levan o tema ao Parlamento, demandando que se leve a cabo un proxecto de urbanización e mellora da rúa Rosalía de Castro consensuado co Concello de Pontevedra e acometa "de maneira urxente" medidas de mellora da accesibilidade, seguranza viaria e mobilidade peonil e ciclista na estrada PO 546 entre Ponte Muíños e Os Praceres.
Segundo sostén o BNG, a estrada presenta numerosas deficiencias en materia de accesibilidade, mobilidade e seguridade viaria xa que na maior parte do seu trazado carece de beirarrúas e beravías, o que a fai extremadamente perigosa para peóns e ciclistas. No caso dos ciclistas, os nacionalistas coinciden coas críticas formuladas por Pedaladas e lembra que é a única alternativa para a mobilidade en bicicleta entre Pontevedra e Marín despois de que que o Ministerio de Fomento prohibise ir pola autovía.
No caso dos peóns, vense sometidos a continuas situacións de perigo debido a ausencia de medidas de calmado de tráfico e á inexistencia de zonas seguras nas beiravías. Ademais, case non contan con pasos seguros para atravesar a estrada. Esta situación vese agravada pola alta densidade do tráfico e o elevado número de camións que circulan por esta vía en dirección ao complexo industrial de Lourizán con Ence e Elnosa.
En tanto ao treito da rúa Rosalía de Castro entre Manuel del Palacio e Mollabao, sinalan que forma parte da PO-546, pero é unha vía plenamente urbana. O resultado é que é unha rúa urbanizada pero presenta o aspecto dunha estrada ou travesía, con beirarrúas antigas e estreitas, ausencia de medidas de calmado do tráfico e perigosidade derivada da presenza na súa contorna dun colexio, un centro de saúde e un centro de día.