A Xunta acepta transferir o treito urbano da PO-546 pero non asumirá a súa reforma
Por Alejandro Espiño
A PO-546, coñecida como a estrada vella de Marín, será transferida ao Concello. Pero non na súa totalidade, senón no tramo urbano entre Mollabao e Pontemuíños. As negociacións entre a Xunta e goberno municipal xa comezaron e ambas as partes esperan que cheguen a "bo porto" nas próximas semanas.
Así o destacaron tanto o director xeral de Infraestruturas, Francisco Menéndez, como Luís Bará, o deputado encargado de trasladar ao Parlamento galego a situación de inseguridade para peóns e ciclistas nesta estrada de titularidade autonómica, especialmente nas áreas máis poboadas.
O deputado nacionalista destacou que as "numerosas deficiencias" en materia de accesibilidade, mobilidade e de seguridade viaria, fan que esta estrada sexa "extremadamente perigosa" para viandantes e ciclistas pola ausencia de beirarrúas e medidas de calmado de tráfico.
Neste sentido, Bará demandou colaboración da Xunta co Concello de Pontevedra, que non pode limitarse a unha "mera transferencia" daquelas partes da estrada máis netamente urbanas, e se poda acadar un "acordo racional" en función das competencias de cada parte.
Desde o BNG se propón limitacións de velocidade a 30 quilómetros, beirarrúas e beiravías que cumpran as condicións en canto a dimensións que realmente supoñan unha garantía para a accesibilidade, porque "non valen de calquera maneira", subliñou.
O deputado pontevedrés salientou igualmente que, ademais das condicións de necesaria seguridade para as persoas, "hai que ter en conta tamén as condicións ambientais na que vive a veciñanza, porque moitas veces non ponde nin pasar polo grado de hostilidade do tráfico ao longo desta vía".
O deputado incidiu especialmente o treito da PO-546 no treito de Rosalía de Castro, Manuel del Palacio e Mollabao que, pese a ser plenamente urbano, "presenta aspecto dunha estrada ou travesía", pese a estar no entorno un colexio, un centro de saúde e un centro de día. "É necesario unha actuación urxente porque nesta zona son frecuentes os atropelos", demandou.
Francisco Menéndez, en resposta á pregunta do BNG, destacou que a transferencia da titularidade deste tramo ao Concello está "aberta" e que será, a partir de aí, cando o goberno municipal realice as actuacións que considere "convenientes".
A Xunta, explicou, está "pendente" de que o Concello concrete o ámbito desta transferencia e para a súa posterior reforma lembrou que a administración local ten unha "fonte de recursos importante" nos dez millóns que recibirá de fondos europeos, que reservan partidas para este tipo de actuacións.
"É de lexítimo interese municipal, necesita unha previa transferencia ao Concello para que se poidan adoptar medidas que a normativa non contempla para unha estrada", explicou o director xeral de Infraestruturas, que engadiu que "non se poden trasladar solucións de zonas urbanas a zonas interurbanas".
Ademais, Menéndez asegurou que a mobilidade peonil e ciclista mellorarase co paseo que executará Costas en paralelo á ría e avanzou que a Xunta de Galicia ten previsto executar "importantes investimentos" en materia de estradas en Pontevedra.