Mollabao séntese un "barrio marxinal e degradado" e reclama "a calidade urbana" do resto de Pontevedra
Por Redacción
Veciños do barrio de Mollabao reuníronse este martes coa asociación Pedaladas para escoitar as propostas que ten este colectivo para mellorar a seguridade viaria na estrada vella a Marín, a PO-546, pero acabaron sendo eles os que trasladaron as súas demandas. Ante integrantes de Pedaladas e concelleiros do PP e o PSOE, denunciaron que se senten un "barrio marxinal e degradado" que "carece da calidade urbana" presente no resto da cidade.
Os veciños trasladáronlle a Pedaladas críticas como que as ultimas melloras en Rosalía de Castro teñen máis de 20 anos a pesar de estar dentro do núcleo urbano. Dado que no barrio non existe unha asociación veicñal, a asociación de ciclistas comprometeuse a trasladar as súas demandas ao Concello por rexistro ao tempo que a veciñanza asumía o compromiso de intentar impulsar o asociacionismo en Mollabao.
Entre as queixas que Pedaladas trasladará ao Concello en nome dos veciños figuran moitas relacionadas co tráfico como que a velocidade de paso por Rosalia de Castro dos vehículos é "excesiva" ou que polas mañás hai unha grande cantidade de vehículos en dobre fila na contorna do colexio Salvador Moreno e, pese a todo, "nunca pasa a Policía Local para previr" a situación.
Tamén refiren a súa preocupación polo ruído "constante e molesto" que provoca a ponte da autopista que pasa sobre o barrio e lembran que noutros lugares en España cunha situación similar adóptanse medidas como reducir a velocidade e instalar paneis para mitigar as molestias dos veciños. Na súa opinión, limitar a velocidade a 80 ou 100 quilómetros por hora "non tería un impacto significativo nos desprazamentos pero melloraría a calidade de vida dos residentes".
As súas queixas tamén son urbanísticas e de servizos, pois sinalan que o barrio "está moi sucio, ten moito lixo e non é habitual ver aos servizos de limpeza", existen numerosos vivendas en estado total de ruína, os terreos das naves abandonadas convertéronse en aparcamentos irregulares, os equipamentos deportivos están en mal estado e os colectores están a moita distancia e non hai suficientes de recollida selectiva. Ante esta situación, non existe ningún plan para recuperar estes espazos ou urbanizalos, pois as axudas á rehabilitación só afectan ao centro histórico.
Os veciños tamén pediron aos políticos presentes (Iván Puentes do PSOE e César Abal e José Luis Martín do PP) que leven estes problemas do barrio ao Pleno municipal, pois, segundo declaracións recollidas por Pedaladas, trasladáronlles que "xa era hora de que pasara por aquí alguén do concello".
Relacionadas:
-
Os ARI do centro histórico e de Estribela amplían prazos
Por Redacción |
-
Da maleza ao cascallo e o abandono. Mollabao expón o seu día a día e reivindica unha reforma integral
Por Mónica Patxot |
-
Alertan dunha vertedura de entullos baixo a ponte da autoestrada en Mollabao
Por Redacción |
-
Os socialistas reclaman ao Concello unha actuación integral en Mollabao
Por Redacción |
-
Ao insti, en bici e seguros
Por Redacción |
-
O BNG levará ao Parlamento as deficiencias e inseguridade da estrada vella de Marín
Por Redacción |
-
Pedaladas pide que a estrada vella de Marín teña sentido único para coches e dobre sentido para ciclistas
Por Redacción |
-
Plataforma única ata a avenida de Lugo, entre as peticións de Pedaladas ao Rei Mago Miguel Anxo
Por Alejandro Espiño |
-
Búscanse activistas contra a violencia viaria
Por Redacción |