Si, os bancos tamén pechan. E en Pontevedra foron dúas oficinas
Por Redacción
Quen dixese que as entidades bancarias non están sometidas aos mesmos problemas que o resto de establecementos comerciais debería dar un paseo estes días por Pontevedra e comprobar que en cuestión de pouco máis dunha semana quedou sen dúas oficinas de entidades como BBVA e Banco Santander. Si, os bancos tamén pechan e na cidade do Lérez botaron o peche sucursais das rúas Loureiro Crespo e Michelena.
A sucursal do BBVA que pecha é a situada no número 3 da rúa Loureiro Crespo, xusto fronte ao Hospital Provincial, de tal forma que os clientes deberán acudir á situada na mesma rúa, pero no número 46, á beira do antigo asilo, ou á da rúa Sagasta.
No caso do Banco Santander, pechou as súas portas unha das súas dúas oficinas máis emblemáticas e tamén a de maior tamaño, a situada na esquina entre as rúas Michelena e Fernández Villaverde. Este banco, de todos os xeitos, ten unha situación moi peculiar, pois pecha esta sucursal xusto despois de abrir unha de menor tamaño a moi poucos metros, no número 11 da rúa Gutiérrez Mellado.
Segundo datos da Comisión Nacional do Mercado de Valores, no primeiro semestre deste ano pecharon en España un total de 741 oficinas. O ranking encabézao Banco Santander, que ao longo de 2016 manifestou que ten plans de pechar 450 das súas 3.467 sucursais. BBVA anunciou no principio do ano a súa intención de suprimir 2.800 sucursais a longo prazo en todo o país.