ENCE apraza unha semana a presentación do ERE co despedimento de 144 traballadores
Por Anxo Lourido
Os representantes do comité intercentros de ENCE levantáronse da mesa na reunión que mantiñan coa dirección da empresa para negociar o ERE e o convenio marco en Madrid durante a xornada deste xoves 28 de febreiro. "Foi un día fallido", afirmou o presdiente do comité de empresa de ENCE en Pontevedra, Jesús Graña.
Durante ese encontro, a empresa comunicou aos representantes dos traballadores que aprazaba unha semana a presentación oficial do expediente de regulación de emprego que vai afectar a 144 traballadores das fábricas de Pontevedra, Navial, Huelva e da sede central en Madrid. Agardábase que nesta reunión, a dirección expuxese a repartición de empregados que serán despedidos nos distintos centros.
Este aprazamento provocou que os sindicatos se negasen a negociar o convenio marco xa que a empresa pretendía incluír o ERE dentro desta negociación. Non obstante, os representantes dos traballadores non están dispostos a aceptar estas condicións ata que se coñezan os termos concretos do ERE e os traballadores que serán despedidos en cada factoría.
Polo momento, os comités de empresa de cada fábrica decidiron paralizar a convocatoria de folga que se chegou a promover nas distintas asembleas o pasado martes 26. O próximo mércores 6 está prevista unha nova reunión en Madrid entre os comités das distintas fábricas e a dirección da empresa xa coa proposta e a desagregación do ERE enriba da mesa.
Jesús Graña, presidente do comité de empresa de ENCE en Lourizán, apuntou ademais que as declaracións do director da factoría, Antonio Casal, asegurando que "vive o momento máis duro en case 25 anos responde a unha "guía a seguir nestas situacións. ÿ o que toca dicir". Graña indicou que "el non vai defender os postose de traballo. Quen os ten que defender somos nós".