García Pedrosa de CC.OO.: "Ante o ERE en Ence non queda outra resposta que a folga"
Por Anxo Lourido
No ano 2012, ENCE obtivo 43 millóns de euros. E dende 2007, os beneficios alcanzan os 52 millóns. Tres días máis tarde de facer pública esta cifra, a dirección da empresa pastera anunciou a posta en marcha dun expediente de regulación de emprego que supoñerá o despedimento de 144 traballadores nas fábricas de Pontevedra, Navia e Huelva, ademais de na sede central de Madrid.
Este xoves 28, a empresa comunicará ao comité intercentros como ten previsto levar a cabo estes despedimentos. Segundo afirmou en rolda de prensa, Javier Canaval, presidente do comité de empresa en Madrid, "Pontevedra estaría en la misma situación que el resto de factorías. La plantilla está muy ajustada". Neste sentido, José Luis García Pedrosa, secretario comarcal de CC.OO., indicou que "en Lourizán levan tempo tentando que teña menos de 250 traballadores para que o comité en lugar de 13 membros pase a contar só con 9".
Este martes 26 está prevista a celebración dunha asemblea de traballadores na fábrica de Lourizán. García Pedrosa sinala que "fronte a esta agresión contra os traballadores non queda outra resposta que a folga". E nese sentido apuntou a que debe estar unido o persoal de todas as factorías.
Segundo apuntaron os responsables de Comisións Obreras, o ERE pode estar relacionado coa negociación do convenio marco no que se trataría entre o 80 e o 90% de todos os puntos importantes. Ademais, a empresa xustifica os despedimentos no aumento de impostos e en que o dólar está débil, polo que os ingresos son menores.
García Pedrosa di que José Luis Arregui, presidente de ENCE, "actúa como un voitre económico a pesar da concesión" dos terreos nos que realiza a súa actividade.