A rebaixa lineal do IBI aprobada en pleno non convence nin ao tripartito de Sanxenxo nin aos representantes veciñais
Por Redacción
O goberno local mantivo este venres unha reunión coa Plataforma Veciñal de Sanxenxo que lles trasladou as principais reivindicacións que expoñen con respecto ao Imposto de Bens Inmobles e á valoración actual das propiedades.
Tras máis de dúas horas de reunión, que se desenvolveu nun ambiente moi cordial, o goberno local e a plataforma acordaron establecer unha periodicidade de reunións de traballo nas que ambas as partes contrastarán as posibilidades de incrementar as bonificacións para aplicar neste imposto, a maiores das xa propostas polo goberno local e aprobadas na última sesión plenaria.
O Concello informou os representantes veciñais que ditas bonificacións están restrinxidas no plan de axuste aprobado polo Partido Popular no ano 2012 pero é compromiso do equipo de goberno estudar condicións alternativas que permitan substituír esta restrición por outras medidas económicas.
E é que o goberno local coincide coa plataforma en que a baixada lineal do IBI aprobada en pleno, cos votos favorables de Partido Popular e o edil non adscrito Roberto Carlos Agís, supón unha "inxusticia tributaria" xa que non contempla a realidade económica das familias do municipio, e non convence nin aos grupos que integran o tripartito nin á plataforma veciñal.
Tanto o alcalde, Gonzalo Pita, como os concelleiros de Economía, David Otero, o concelleiro de Urbanismo, Daniel Fernández e a edil de Medio Ambiente, Coral González-Haba, coincidiron cos representantes da plataforma en que o problema de fondo está nos excesivos valores que alcanzaron as propiedades na última revisión da ponencia de valores, un parámetro achegado polo Catastro en base ao estudo de mercado que acompaña ao propio relatorio e que a plataforma pon en cuestión.
Neste sentido a plataforma veciñal insiste na necesidade de proceder a unha revisión do PXOM, unha cuestión na que o goberno local trata de liquidar a través de modificacións do plan que recoñezan a singularidade de determinadas zonas de poboación que carecen de todos os servizos básicos pero cuxa valoración catastral non recolle de forma xusta estes déficits.
Relacionadas:
-
Sanxenxo reduce o IBI ao mínimo legal
Por Redacción |
-
A Plataforma Veciñal Sanxenxo continúa reclamando a Gonzalo Pita que solvente o "catastrazo"
Por Redacción |
-
A oposición forza unha baixada do IBI maior da prevista polo tripartito de Sanxenxo
Por Oskar Viéitez |
-
O PP cualifica de "tasazo" á proposta do Concello de Sanxenxo de gravar os excesos no consumo de auga
Por Oskar Viéitez |