Unha empresa de Florentino Pérez encargarase do mantemento do albergue de peregrinos
Por Alejandro Espiño
A Xunta decidiu confiar a unha empresa de Florentino Pérez a xestión dos 69 albergues públicos que ten o Camiño de Santiago, aínda que no caso de Pontevedra cun matiz: só se fará cargo do mantemento das instalacións e da subministración de todo aquel material necesario para a actividade diaria do albergue.
En concreto, será a empresa Clece a que se faga cargo deste contrato durante os dous próximos anos, prorrogables a catro. Cobrará da administración cinco millóns de euros.
Asumirá, entre outras cuestións, o servizo de atención ao peregrino, o control de acceso, a limpeza ou a xestión do cobro do prezo por pernoita nos albergues. Pero no caso de Pontevedra iso non será así, segundo explicou a PontevedraViva o presidente da Fundación Amigos do Camiño Portugués, Tino Lores.
O albergue de peregrinos, situado nas inmediacións da estación de tren da cidade, seguirá estando xestionado de forma directa, como ata agora, pola propia fundación. "Ya alertamos a la Xunta que nos incluía de forma errónea en el contrato", explica.
No día a día do albergue "no cambiará nada", xa que seguirá estando atendido por voluntarios da fundación que, ademais, ten alí a súa sede. A partir de agora, os seis euros que se cobran a cada peregrino por durmir nas instalacións "en lugar de ingresarlos al Xacobeo se los ingresaremos a esta empresa", asegura Tino Lores.
A administración galega seguirá, pola súa banda, asumindo o custo dos gastos correntes -luz, auga ou teléfono- do albergue.
Ademais, Clece farase cargo do mantemento das instalacións e técnicos da empresa revisarán de forma periódica o estado do albergue; e tamén fornecerán de todo aquilo que necesite a fundación para a súa día a día como sabas, mantas ou toallas.