O PSOE de Pontevedra carga contra a "practicamente nula" rendibilidade que recibe a cidade da Deputación
Por Redacción
O grupo municipal do PSdeG-PSOE en Pontevedra non está satisfeito cos beneficios que está a recibir a capital do goberno bipartito da Deputación Provincial, no que está o seu propio partido e o BNG. Ante esta situación, mesmo optou por presentar unha moción que se debaterá no vindeiro pleno da corporación local para que se axilicen os convenios asinados.
No texto amósase especialmente crítico co BNG, pois "é evidente que esta situación non é culpa do goberno provincial", senón que é o Concello de Pontevedra o que "debe presentar os proxectos e axilizar os tramites".
A moción presentada pretende que o Pleno de Pontevedra inste ao alcalde nacionalista, Miguel Anxo Fernández Lores, a axilizar as tramitacións administrativas dos asuntos recollidos nos convenios xa asinados coa Deputación e tamén a que negocie co resto de formacións políticas os asuntos a incluír nos futuros convenios a asinar coa institución provincial.
O voceiro municipal do PSOE, Tino Fernández, lembra que a nova Deputación se constituíu en xullo de 2015 e a finais dese mesmo ano, o alcalde de Pontevedra e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, asinaban un protocolo no que se establecían unha serie de compromisos políticos a desenrolar en futuros convenios. No seu momento, o grupo municipal socialista instou ao grupo de goberno a que acordara con toda a corporación aquelas inversións que deberan figurar nos futuros convenios, pero sostén que "aínda estamos esperando a resposta".
Ademais, critica que, pasados 16 meses dende que se constituíu o goberno provincial, as transferencias de crédito ao Concello de Pontevedra "son mínimas, rozando o ridículo". Descontando a aportación para o plan de emprego, asegura que "consta unha achega para probas deportivas e nada máis". En relación co convenio que acaba de asinarse para aplicar un protocolo que prevé futuras inversións en saneamento e infraestruturas deportivas, indica que "a día de hoxe, só está en marcha o saneamento da parroquia de Mourente".
Na opinión de Tino Fernández, a realidade é que "a pasividade do alcalde e o grupo de BNG" está a facer que "a rendibilidade do novo goberno da Deputación con respecto a Pontevedra sexa practicamente nula" cando xa se leva consumido unha terceira parte do mandato. Para o concelleiro socialista, "isto é absolutamente inexplicable en termos políticos, máxime cando vemos como outros concellos están acadando maiores beneficios, pola eficacia dos seus gobernos municipais".
Ao respecto, pregúntase "para que lle sirve a Pontevedra ter un vicepresidente da Deputación que, ata o de agora, o máis relevante que fixo foi levar de visita a un grupo de concelleiros para coñecer lugares onde se traballa na compostaxe".