A oposición únese para impulsar a adhesión de Pontevedra ao Plan de Transporte Metropolitano
Por Redacción
Marea Pontevedra logrou o voto favorable de todos os partidos agás o BNG para levar adiante a proposta de que o Concello capitalino se inclúa no Plan de Transporte Metropolitano de Galicia e se implante a tarxeta 'xente nova'. Pese a este voto en contra nacionalista, a Comisión de Mobilidade ditaminou favorablemente a proposta coa unión de toda a oposición.
O voceiro de Marea Pontevedra, Luís Rei, valorou esta vía libre e lamentou que o Concello de Pontevedra non teña recibido "nin un só euro" dos máis de 10 millóns que a Xunta de Galicia destina ao Transporte Metropolitano este ano e tamén que sexa o único municipio galego de máis de 50.000 habitantes que non ten un servizo público de transporte urbano desde que no ano 1989 se retirou o último trolebús.
Marea Pontevedra denunciou a través dun comunicado que o feito de que "o goberno local nunca tivo intención de desenvolver o Plan de Transporte Metropolitano" supón unha "clara desvantaxe" en termos de mobilidade dunha poboación que, por non ter transporte público urbano, non conta coa subvención estatal do Ministerio de Facenda.
O partido lamenta tamén que no ano 2005 aprobouse a inclusión no Plan de Transporte Metropolitano de Galicia, pero esa decisión "non chegou a cumprirse nunca", o que, ao seu xuízo, significa que "levamos 11 anos de atraso respecto a cidades como A Coruña ou Ferrol".
Relacionadas:
-
O PSOE pide incluír o eixo ferroviario Pontevedra-Vilagarcía no Plan de Transporte para a comarca
Por Redacción |
-
Nove concellos integrarán o Plan de Transporte Metropolitano de Pontevedra
Por Redacción |
-
A Xunta licita o plan de accesibilidade do transporte para mellorar o servizo de autobús na cidade
Por Redacción |