Nove concellos integrarán o Plan de Transporte Metropolitano de Pontevedra
Por Redacción
Barro, Campo Lameiro, Cotobade, Marín, Pontevedra, Poio, Ponte Caldelas, Soutomaior e Vilaboa. Son os nove concellos que integrarán o Plan de Transporte Metropolitano en Pontevedra. Así o vén de confirmar a Consellería de Infraestruturas que avanza que a Xunta de Galicia iniciará este mesmo ano os estudos necesarios para a súa implantación.
O Diario Oficial de Galicia publica este venres o contrato de servizos e de asesoramento e asistencia á Dirección Xeral de Mobilidade en materia de transporte público colectivo regular, que prevé realizar un cálculo dos niveis de compensación aos operadores ou a estimación de custes para a administración deste novo plan.
Ademais, a Xunta fará os traballos de campo necesarios como as enquisas de mobilidade para completar estes estudos previos. Unha vez finalizados estes traballos, remitirase un borrador de convenio aos concellos da área.
A área metropolitana de Pontevedra, segundo o goberno galego, presenta a particularidade de que o concello de Pontevedra carece de bus urbano propio, ao igual que o concello de Ferrol, polo que o servizo se presta con liñas interurbanas
Este Plan de Transporte Metropolitano é un plan social impulsado pola Xunta de Galicia que persegue fomentar o uso do transporte publico colectivo ao tempo que axuda, de xeito importante, á economía das familias.
O uso da Tarxeta de Transporte Metropolitano permite aos galegos descontos medios do 50% nas viaxes metropolitanas; a aqueles que realicen máis de 40 viaxes nun mes, bonificacións adicionais do 15%; e os membros das familias numerosas teñen dereito a descontos de ata o 50% (do 20% se son de categoría normal; e do 50% se son de categoría especial).
Ademais, comezou xa a tramitación da iniciativa coa que as viaxes interurbanas do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia serán gratuítas para usuarios de ata os 18 anos.
Esta tarifa, que leva por nome Xente Nova, consiste na gratuidade para este colectivo nas viaxes metropolitanas interurbanas realizadas dentro do ámbito deste plan, cun número máximo de 60 viaxes mensuais por persoa.
Relacionadas:
-
Sanxenxo, Moraña e Bueu elevan a doce concellos o plan de transporte metropolitano de Pontevedra
Por Redacción |
-
O PSOE pide incluír o eixo ferroviario Pontevedra-Vilagarcía no Plan de Transporte para a comarca
Por Redacción |
-
A oposición únese para impulsar a adhesión de Pontevedra ao Plan de Transporte Metropolitano
Por Redacción |