As chuvias retornarán a partir do xoves ás Rías Baixas
Por Redacción
As Rías Baixas permanecerán durante este luns 14 baixo a influencia das altas presións, con circulación de ventos fríos do nordés. A xornada contará cun ceo pouco nubrado ou despexado, con néboas matinais en puntos do interior. As temperaturas mínimas descenderán lixeiramente, mentres que as máximas non experimentarán cambios significativos, situándose entre os 8 e os 20 graos. Os ventos soprarán do nordés, moderados en xeral.
Durante a xornada do martes, segundo o Servizo de Meteogalicia, continuará a influencia das altas presións. Haberá tempo seco e de sol, con algún banco de néboa nas primeiras horas. As temperaturas non experimentarán cambios significativos. O vento continuará soprando frouxo do norte.
Non se esperan cambios significativos durante o mércores. Os ceos permanecerán nubrados en xeral, con intervalos de nubes de tipo alto. As temperaturas manteranse nos mesmos parámetros, entre os 11 e os 19 graos. O vento comezará a soprar frouxo de compoñente leste.
Será a partir do xoves 17 cando Galicia irá perdendo a influencia das altas presións. Espérase que a segunda metade da semana se rexistren precipitacións e cun lixeiro descenso das temperaturas máximas non superando os 16 graos. Esta situación, segundo Meteogalicia, prolongarase ao longo do fin de semana.