Fiscalía pide cinco anos de prisión por tráfico de drogas para un homicida con penas pendentes
Por Oskar Viéitez
A sección cuarta da audiencia de Pontevedra xulgará o xoves 28 a un homicida con penas pendentes por roubo e tráfico de drogas.
O acusado J.L.G.V., é polo tanto un vello coñecido das forzas da orde. No ano 1990 foi condenado por un delito de homicidio á pena de 15 anos de prisión, en 1998 por un delito contra a saúde pública foi condenado a 10 anos e nunha sentenza de 2007 condenado de novo por un delito de roubo á pena de dous anos de cárcere. Estas dúas últimas sentenzas non foron cumpridas, polo de agora.
Os feitos que lle levan de novo a sentarse no banquiño dos acusados tiveron lugar na tarde do 14 de abril do ano 2011 cando foi sorprendido polos axentes da Garda Civil estacionado co seu vehículo nas inmediacións do Campo da Festa da parroquia pontevedresa de Campañó.
Segundo o Ministerio Público debaixo do asento do copiloto levaba un paquete con 329 gramos de cocaína e na guantera 980 gramos de haxíx, así como 755 euros en billetes de 50 "que procedían da venda de sustancias estupefacientes". Así mesmo os axentes recolleron anacos de papel con anotacións de nomes e teléfonos.
Segundo o escrito de acusación, este home, unha vez detido, e logo de dicir distintos lugares como domicilio, foi levado polos gardas civís a Barrantes (Ribadumia) onde entraron na súa vivenda co consentimento do acusado que lles entregou "voluntariamente" diferentes cantidades de varias sustancias "que utilizaba para o corte dos estupefacientes". Ademais incautaron 684 gramos de haxíx, 246 gramos de cocaína, asi como oito teléfonos móbiles.
A Fiscalía apunta que as sustancias intervidas tiñan un valor de 8.918 euros o haxíx e de 13.282 a cocaína.
Foi durante o rexistro domiciliario que os axentes atoparon o DNI do acusado e puideron identificarlle correctamente xa que con anterioridade entregoulles un carné de conducir falso.
Tendo en conta a agravante de reincidencia, por todos estes feitos a Fiscalía pide para el unha pena de cinco anos e tres meses por tráfico de drogas, e multa de 20.000 euros. E por falsidade solicita sete meses de prisión.