Tres anos máis de cárcere para un homicida pillado, esta vez, vendendo droga en Campañó
Por Natalia Puga
J.L.G.V. foi condenado en 1990 por homicidio, en 1998 por un delito contra a saúde pública e en 2007 por roubo. Dende este xoves 28 de febreiro acumula unha nova sentenza condenatoria no seu historial: tres anos de cárcere por tráfico de drogas e seis meses por falsidade documental.
A Sección Cuarta de la Audiencia Provincial de Pontevedra xa ditou sentenza no propio acto do xuízo previsto contra J.L.G.V. unha vez que o acusado recoñeceu os feitos que se lle atribúen e alcanzou un acordo coa Fiscalía para beneficiarse dunha redución na condena que lle pedían inicialmente. O fiscal tivo en conta a circunstancia agravante de reincidencia, pero tamén o atenuante de confesión.
O acusado estivo privado de liberdade despois de que en 1990 lle condenasen por un delito de homicidio á pena de 15 anos de prisión, pero cando lle pillaron por estes novos feitos aínda tiña pendentes de cumprir unha condena a 10 anos imposta en 1998 por un delito contra a saúde pública e outra de dous anos por roubo ditada en 2007. O acusado segue sen cumprir as súas penas, pois este xoves presentouse na Audiencia en liberdade.
Neste caso, sentouse no banco dos acusados por uns feitos que se remontan á tarde do 14 de abril do ano 2011, cando foi sorprendido polos axentes da Garda Civil estacionado co seu vehículo nas inmediacións do Campo da Festa da parroquia pontevedresa de Campañó.
O relato dos feitos da Fiscalía aceptado polo procesado recolle que debaixo do asento do copiloto levaba un paquete con 329 gramos de cocaína e na guanteira 980 gramos de haxix, así como 755 euros en billetes de 50 "que procedían da venda de substancias estupefacientes". Así mesmo, os axentes recolleron anacos de papel con anotacións de nomes e teléfonos.
Unha vez detido, e despois de dicir distintos lugares como domicilío, foi levado polos gardas civís a Barrantes (Ribadumia) onde entraron na súa vivenda co consentimento do acusado que lles entregou "voluntariamente" diferentes cantidades de varias substancias "que utilizaba para o corte dos estupefacientes". Ademais incautaron 684 gramos de haxis, 246 gramos de cocaína, asi como oito teléfonos móbiles. As substancias intervidas tiñan un valor de 8.918 euros o hachis e de 13.282 a cocaína.
A Fiscalía pedía cinco anos e tres meses de prisión por tráfico de drogas e finalmente J.L.G.V. conformouse con tres anos de cárcere e unha multa de 20.287 euros. Ademais, enfrontábase a sete meses de prisión por falsidade documental porque ata o rexistro domiciliario os axentes non encontraron o seu DNI e puideron identificalo correctamente. Con anterioridade, entregáralles un permiso de conducir falso. Por estes feitos aceptou seis mese de cárcere e unha multa de 730 euros.