Sorprendente taller de cata de augardente e licor café
Por Redacción
O Consello Regulador das Indicacións Xeográficas dos Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia abriu este sábado as portas das súas IV Xornadas de Degustación e Maridaxe no Salón Peña de Cambados. O programa de actividades esténdese ata o domingo.
A sesión de apertura comprendeu un sorprendente taller de cata impartido de modo conxunto pola enóloga Sonia Otero e o barista Marcos González. Medio centenar de persoas acudiron a esta primeira cita, que comezou ás 17.30 horas.
Nela, combináronse as indicacións de Otero con distintos tipos de café (arábica, robusta e torrefacto) elaborados por González. Deste xeito, os participantes puideron comprobar a importancia do uso de boas materias primas, como o café, para a elaboración do licor café de Galicia.
O taller completouse cunha degustación de cinco marcas deste destilado que se atopan á venda. Ao finalizar a sesión, sorteáronse entre os asistentes de tres cestas de produtos amparados polas indicacións xeográficas incluídas no Consello Regulador.
Ao redor das 19.00 horas, a atención centrouse na primeira planta do Salón José Peña, onde se desenvolveu o taller de cociña e coctelería de Augardentes e Licores de Galicia con Tenreira Galega e outros produtos con indicativo de calidade, como Pan de Cea, Castaña de Galicia ou Mel de Galicia. Nesta sesión, participaron preto de 40 persoas.