Protección Civil necesita unha segunda base para poder atender a Cerdedo e Cotobade
Por Redacción
Responsables da Xunta de Galicia reuníronse na Casa Consistorial de Cerdedo co vicepresidente da Xestora de Cerdedo-Cotobade e cos membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Cerdedo para tratar a operatividade da brigada e as súas necesidades de cara o ano 2017.
O equipo de Cerdedo cubre unha gran parte de territorio, e ten que acudir a diversos operativos polos problemas que existen nesta zona co gando salvaxe, coa poboación de avanzada idade ou os accidentes de circulación .
O presidente e vicepresidente da xestora do novo concello Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela e José Balseiros, están redactando cos técnicos un plan de actuacións que contempla a creación dunha nova base que contará con efectivos voluntarios de Protección Civil para cubrir do xeito máis óptimo todo o territorio.
Esta nova base para a cal se están captando voluntarios coordinará cos xa existentes os distintos traballos a efectuar, buscando minimizar os tempos de resposta antes as emerxencias. Unha vez que estén constituidas as dúas bases baixo unha mesma agrupación, estableceranse os medios materiais necesarios para poder actuar, contando co compromiso da Xunta de Galicia en colaborar de xeito eficiente para que a operatividade da agrupación sexa total.