Ponte Caldelas acolle o sábado unha nova edición da súa feira de artesanía
Por Redacción
O pavillón de Ponte Caldelas acollerá o sábado 5 de novembro unha nova edición da Feira de Artesanía da vila. Nela participarán este ano máis dunha ducia de creadores, que exporán as súas propostas en diferentes campos.
A actividade está organizada polo Concello de Ponte Caldelas dentro do seu programa de dinamización municipal. O horario será de 11 a 22 horas e a entrada é completamente gratuíta.
Os asistentes poderán atopar pezas saídas non só das mans dos profesionais da artesanía, senón tamén o froito das afeccións dos veciños, entre os que destaca a colección de cadros efectuados coa técnica do ganchillo dunha das expositoras.
Todas elas son completamente exclusivas polo que constitúen unha oportunidade magnífica para mercar un agasallo distinto para as próximas festas de Nadal.
Madeira tallada e torneada, mobles restaurados, aproveitamento de palés, marionetas, roupa de bebés, bixutería ou pirogravado son algunhas das propostas que se poderán atopar na feira.
A feira ten tamén un compoñente gastronómico, pois haberá postos de comida vegana, cervexa artesá, alimentos deshidratados, pastelería caseira e tamén se elaborarán filloas á pedra por parte da asociación de Augasantas.
A proposta lúdica estará cuberta coas actuacións de Aires del Norte y Olé, Os Xeitosos da Insua e, finalmente, unha sesión de zumba, a cargo de Adriana García.