Unha obra para abastecer de auga 50 casas de Nantes
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo está a executar unha nova obra na zona de Buezas, na parroquia de Nantes, que permitirá que ao redor de 50 vivendas teñan a posibilidade de conectar coa rede xeral de abastecemento de auga. A obra inclúese nunha actuación global que tamén levará a rede aos lugares de Carballal e Nanín. Neste último lugar, de feito, as obras xa concluíron.
Segundo informou o Concello de Sanxenxo, o lugar de Buezas representa un núcleo de poboación bastante importante dentro do municipio e desde hai anos contaba coa instalación da tubaxe de abastecemento de auga, pero non estaba en servizo ao non existir a posibilidade técnica de fornecerlle auga a través do depósito regulador existente en Padriñán.
A recente construción dun depósito regulador para o abastecemento na zona de Con da Ventureira ofrecía agora as condicións técnicas necesarias para que a rede instalada en Buezas entrase en servizo, para o que foi necesario realizar unha prolongación da mesma que enlazase a tubaxe de baixada do depósito coa do lugar de Buezas.
As obras, que están a ser executadas por Nexia Infraestruturas, contan cun orzamento global de 60.000 euros para a execución dos tres citados proxectos e permitirán a tres núcleos de poboación do municipio dispoñer de abastecemento de auga.