Sanxenxo renovará a canalización das augas pluviais en tres estradas do concello
Por Redacción
Case 9.700 euros investirá o Concello de Sanxenxo en importantes obras relacionadas coa canalización das augas pluviais en tres estradas diferentes, por unha banda a que une O Castro con Noalla, por outro a do Vinquiño e por último en Fontoira.
No primeiro caso trátase dunha actuación que busca canalizar as augas ao longo deste viario con tubaxe de PVC de 400 milímetros de diámetro, para o que será necesaria a escavación dunha gabia.
Trátase dun viario cunha pronunciada pendente ao que se dotará na súa finalización dunha reixa e unha arqueta para a conexión desta tubaxe coa rede xeral, evitando así que a caída libre de auga desde esta estrada provoque inundacións en propiedades privadas.
O caso da estrada do Vinquiño é diferente. Neste viario substituirase a tubaxe existente nun tramo de 12 metros de longo, ao detectarse que necesita un maior diámetro para evacuar con eficiencia as augas pluviais que recibe de viarios paralelos. Por iso instalarase un tubo de 500 milímetros de diámetro con dous pozos de rexistro de 1 metro de diámetro.
A Concellería de Servizos abordará tamén a reposición do colector de pluviais en Fontoira, onde instalará 30 metros lineais de tubaxe de PVC de 400 milímetros de diámetro e tres reixas de fundición.
Unha inspección realizada con cámaras nesa zona evidenciou o mal estado da tubaxe, actualmente de formigón, polo que desde o departamento de Servizos optaron pola renovación deste tramo que, ademais, é o único que restaba nesta estrada por ser substituído quedando así totalmente renovada.
A actuación contempla a posterior reposición do firme.