'La Coneja' acepta tres anos de prisión tras recoñecer que traficaba con droga no Vao
Por Natalia Puga
María Dolores Jiménez Gabarre, máis coñecida polo alcume de 'La Coneja', trapicheaba con droga no poboado de O Vao (Poio). Así o recoñeceu no xuízo que contra ela e outras cinco persoas do seu clan, se celebrou na Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra. Ao recoñecer a súa culpabilidade aceptou unha pena de tres anos de prisión.
Outros tres dos imputados, a súa filla Rocío G.J., e as dúas persoas ás que se lle achacaba a venda directa da droga, Monserrat R.C. e Juan Carlos R.E., tamén se declararon culpables e aceptaron un ano e medio de prisión.
Ademais, 'La Coneja' deberá abonar unha multa de 30.000 euros, mentres que os outros tres condenados, 15.000 euros cada un.
A fiscal do caso sinalou que no caso de María Dolores Jiménez ten en conta a circustancia agravante da súa responsabilidade criminal de reincidencia, xa que conta con antecedentes vixentes no momento dos feitos como unha sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra do 21 de decembro de 2005 pola que se lle impuxeron tres anos e dous meses de prisión por tráfico de drogas. Fronte a esta circunstancia, á hora de reducir a pena solicitada de cinco a tres anos tivo en consideración o atenuante de confesión.
Os outros tres condenados tamén se viron beneficiados polo atenuante de confesión e Monserrat R.C. e Juan Carlos R.E. dunha segunda, de adicción ás drogas, xa que, segundo a fiscal, no momento dos feitos polos que foron condenados presentaban unha "grave adicción" que os fixo participar como vendedores de droga "con el fin de obtener medios para sostener su hábito".
Pola súa banda, Fiscalía retirou finalmente os cargos contra o seu home, Carlos J.G., e o esposo da súa filla, Esteban J.J.. No caso deste último, o seu avogado defensor, Fernando Romay, sinala que no momento dos feitos o home e a súa muller e condenada Rocío G.J. tan só acudían á casa de 'La Coneja' para durmir, pois pouco tempo antes foran realoxar no barrio de Monte Porreiro dentro dos polémicos realoxos tras o derrubamento da súa choupana, pero o conflito veciñal aberto fíxoo regresar ao poboado do Vao. "Ellos no hacían vida allí y sólo dormían, no sabían nada de lo que se hacía ni participaban", explicou o letrado.
No caso do marido de 'La Coneja', Fernando Romay, alegou que perdeu a vista total do ollo esquerdo e do dereito só ve unha décima parte, de maneira que non puido estar implicado nas transaccións de droga que se realizaban na súa vivenda do Vao.
Un sétimo imputado, chamado Isaac K., 'El Negro', quen segundo Fiscalía actuaba como transporte levando a droga dunha chabola a outra, non acudiu ao xuízo e está declarado en rebeldía. No seu caso, a representante do Ministerio Público solicitou o arquivo provisional da causa ata que sexa localizado e poida ser xulgado por separado.
O presidente do tribunal, José Juan Barreiro, indicou que ditará sentenza nestes termos e tanto o fiscal coma os avogados defensores manifestaron a súa intención de non recorrer. O defensor de 'La Coneja' anunciou que pedirá o seu indulto.
Relacionadas:
-
Catro clans familiares do Vao confesan que vendían droga organizados por quendas para garantir sempre a subministración
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A última redada policial no Vao resólvese cun acordo entre Fiscalía e os sete detidos
Por Redacción |
-
As vivendas dos realoxos de Caritel xa poden acoller a familias en risco de exclusión
Por Redacción |
-
Pedirá o indulto dunha condena por tráfico de drogas para coidar do seu home con problemas de visión
Por Natalia Puga |
-
Fiscalía pide cinco anos de prisión por tráfico de drogas para o clan familiar de "la Coneja"
Por Oskar Viéitez |