Pedirá o indulto dunha condena por tráfico de drogas para coidar do seu home con problemas de visión
Por Natalia Puga
A súa última detención realizouna a Garda Civil en maio de 2010 xunto ao seu marido, a súa filla e o seu xenro por vender droga na súa choupana do poboado chabolista do Vao, pero María Dolores Jiménez Gabarre, máis coñecida polo alcume de 'La Coneja', era coñecida en ambientes policiais e veciñais dende moito antes pola súa vinculación co tráfico de drogas. Ten condenas anteriores e este martes 26 de febreiro aceptou tres anos de prisón por vender droga dende a súa choupana. Malia o seu historial, o seu avogado, Fernando Romay, pedirá o seu indulto. Pretende alegar ante o tribunal que a muller necesita coidar do seu marido.
O seu marido, Carlos J.G., tamén foi detido na mesma redada no Vao en maio de 2010 e tamén se sentou como acusado ante un tribunal este martes, pero no seu caso o fiscal retirou a acusación ao non encontrar acreditado que participase nas mesmas actividades realizadas pola súa muller, a súa filla e outras dúas persoas usando a súa choupana como centro de venda de drogas.
A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra absolverá a Carlos J.G. e condenará 'La Coneja', que xa foi penada a tres anos e dous meses de prisión por tráfico de drogas o 21 de deciembre de 2005. Nin o fiscal nin as partes comparecidas na causa recorrerán a absolución, pero a derensa de María Dolores Jiménez Gabarre si actuará unha vez que se dite sentenza para pedir o seu indulto. O seu marido necesita a súa axuda porquel, segundo o letrado, non ten visión no ollo esquerdo e no dereito só ve unha décima parte do que debería.
A petición do indulto terá que valorala un tribunal que non poderá obviar os antecedentes dunha muller á que os veciños de Monte Porreiro xa expulsaron no seu día do seu barrio. Tras o derrubamento de tres choupanas do Vao, a súa filla foi realoxada nos polémicos realojos frustrados nesta urbanización pontevedresa. 'La Coneja' foise coa súa familia, pero non chegaron a instalarse, unha manifestación veciñal á porta do piso no que pretendían instalarse frustrouno.