Marea Pontevedra propón a apertura dos xardíns da UNED en Monte Porreiro
Por Redacción
O grupo municipal de Marea Pontevedra propón eliminar o valado perimetral do recinto da UNED en Monte Porreiro e deixar o espazo accesible as 24 horas do día, ou ben abrir unha ou dúas portas, que poidan pecharse durante a noite. En todo caso, manteríase a barreira que limita o acceso de vehículos a unicamente os autorizados polo centro.
A formación política di que esta proposta conta co visto e prace dos dirixentes veciñais do barrio, que amosaron a súa satisfacción coa iniciativa.
Trátase dun espazo de 22.000 metros cadrados. No total desa superficie, a planta do edificio ocupa menos da súa sétima parte (3.000 metros cadrados). As case dúas hectáreas restantes, onde salientan árbores de gran porte, mesmo de especies exóticas, conforman un dos espazos arbóreos máis valiosos do municipio. Marea Pontevedra sinala que o paradoxo é que, sendo de titularidade pública, permanece valado e non é accesible, contra o que é común nos campus de todo o mundo.
Coa súa apertura, ese espazo de Monte Porreiro podería converterse nunha privilexiada zona de lecer da veciñanza. Dado que o alcalde de Pontevedra é membro da Xunta de Goberno do Padroado que rexe o centro asociado da UNED, Marea Pontevedra ínstao a levar á vindeira reunión dese órgano a solicitude de apertura.
RECLAMACIÓNS DO PP
O grupo municipal do Partido Popular urxiu tamén varias melloras para o barrio de Monte Porreiro.
Entre outras, os populares destacan o "perigo" que supón para os cativos o "estado de abandono" do parque infantil da Praza de Europa e tamén a "ausencia de mobiliario urbano, falta de limpeza do barrio e lamentable estado do aparcadoiro", sito entre as rúas Grecia e Francia.