Vitriño négase a declarar no xuízo de tráfico de cocaína que, por fin, se iniciou na Audiencia Provincial
Por Redacción
Víctor Manuel G. P., coñecido polo alias de Vitriño, negouse a declarar ante o xuíz sobre os feitos que se lle imputan relacionados cun delito de tráfico de drogas que sentou no banco da Audiencia Provincial a dez persoas con Vitriño á cabeza que, segundo a Fiscalía, conformarían un grupo que se dedicaba ao tráfico de sustancias ilegais en distintos puntos das Rías Baixas.
Os dez avogados da defensa solicitaron a nulidade do xuízo alegando, entre outros puntos, a manipulación das probas de ADN, falta de control xudicial no procedemento, falta de competencia e manipulación de datos. Con todo, o xuíz José Juan Barreiro non tivo en conta esas peticións de nulidade atendendo ao exposto polo fiscal antidroga, Luís Uriarte, que sinalaba que as alegacións presentadas pola defensa non afectaban a ningún dereito fundamental.
Desta forma comezaba a vista oral despois de sumar xa catro suspensións en relación a uns feitos acaecidos no ano 2009. Segundo o Fiscal, naquel ano, dous irmáns de Vilanova, Juan Miguel G.S. "Juanjo", con antecedentes penais por tráfico de drogas, e José Luis, acompañados por Vitriño, realizaban numerosas actividades relacionadas coa venda de cocaína e tamén de heroína principalmente na zona do Salnés. No verán dese ano, as forzas de seguridade detectaron unha venda de 200 gramos de cocaína cun valor no mercado de ao redor de 20.000 euros e na operación comisáronse dous quilos de cocaína destinados á venda que presuntamente pretendían realizar os irmáns de Vilanova.
Durante a vista oral, Juan Miguel non recoñeceu as chamadas e os SMS intercambiados con outros dos imputados que foron lidos polo fiscal. Indicou que non se acordaba e que, en todo caso, tratábase de temas relacionados coa súa empresa, rexeitando que os prezos dos que falaba fixesen referencia a cocaína ou a haxix. O resto de acusados tampouco recoñeceron os feitos durante a declaración sinalando que non entendían como se localizaron as súas pegadas dixitais nos paquetes de droga inacutados e que nas conversacións sempre se trataban temas relacionados coa venda de coches ou con traballo. Neste sentido, José Luis G. S. indicou que tiñan diferentes teléfonos que pertencían á empresa e que contaban con preto de 45 traballadores nunha empresa que se dedicaba, sobre todo, a realizar obras para o Concello de Pontevedra.
Outros acusados como Rodrigo C. L. negáronse tamén a contestar as preguntas do fiscal como dos letrados. Entre os presuntos integrantes da rede figura tamén José Antonio R. P., que declarou ser irmán dun home relacionado co narcotráfico Ángel R.P., falecido en abril de 2015 en Vigo tras recibir un tiro na cabeza. Outro dos imputados, José Carlos S.S., coñecido como Carlos "el Alemán", garda de seguridade de locais nocturnos, escoitou o relato do fiscal sobre a súa espectacular fuxida da Policía cando foi localizado nun suposto intercambio de droga en Arcade. O acusado sinalou que escapara porque se asustara ao non identificarse os axentes.
A vista oral continuará este mércores coas declaracións de testemuñas e axentes das forzas de seguridade.
Relacionadas:
-
Condena por narcotráfico para 'Vitriño': catro anos e medio de prisión
Por Redacción |
-
Visto para sentenza o xuízo contra Vitriño e outros nove acusados
Por Oskar Viéitez |
-
O xuízo da rede de Vitriño rematará o vindeiro martes coa declaración da última testemuña
Por Redacción |
-
A ausencia de dous maxistrados obriga a suspender, por cuarta vez, o xuízo contra "Vitriño"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A renuncia dun avogado volve obrigar a suspender o xuízo contra dez arousanos por narcotráfico
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |
-
A Audiencia retomará en marzo o xuízo contra dez arousanos por traficar cocaína
Por Redacción |
-
A Audiencia suspende o xuízo contra dez arousanos por traficar cocaína na zona de Vilagarcía
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |