A renuncia dun avogado volve obrigar a suspender o xuízo contra dez arousanos por narcotráfico
Por Mónica Patxot & Natalia Puga
A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra decidiu pospoñer, unha vez máis, o xuízo contra un grupo de arousáns presuntamente liderados polos irmáns Juan Miguel G.S., alias 'Juanjo', e José Luis G.S., acusados dun delito de tráfico de drogas polo que o fiscal solicita que sexan condenados a penas que van entre os nove e os catro anos e medio de prisión.
A vista oral, suspendida xa en dúas ocasións anteriores, a primeira en xaneiro de 2014, comezou este martes coas partes expondo as cuestións previas e finalmente aprazouse e retomarase o próximo 3 de outubro ás 10.15 horas. O motivo dese adiamento é que o avogado dos dous preuntos xefes alegou que non tivera tempo para preparar a defensa e renunciaba a exercela.
Tras un receso de preto dunha hora, o maxistrado presidente da Sección, Xosé Xoán Barreiro Prado, decidiu aceptar a renuncia do avogado, o coñecido penalista José Luis Gutiérrez Aranguren, e dar 48 horas aos dous acusados para que designen un novo letrado defensor.
Os avogados do resto das partes, dez acusados con responsabilidade penal e tres con responsabilidade civil, expuxeron cuestións previas que o maxistrado decidiu non estudar e aprazar ata que o xuízo se retome de novo en outubro. Entre outras cuestións, pedían a nulidade das escoitas telefónicas incorporadas na causa e un letrado incluso a nulidade de todas as actuacións desde o inicio do procedemento.
Entre os acusados está Víctor Manuel García Paz, coñecido como 'Vitriño', xa xulgado en dúas ocasións por tráfico de drogas e branqueo de diñeiro procedente do narcotráfico e absolto en ambos os dous procedementos por non se encontrar probas da súa vinculación con esta actividade ilícita. Por narcotráfico chegou a ser condenado a dez anos de prisión, pero o Tribunal Supremo absolveuno. Agora, o fiscal Antidroga de Pontevedra, Luis Uriarte, pide para el catro anos e seis meses de prisión e o pagamento dunha multa de 60.000 euros.
Este xuízo é froito dunha investigación da Unidade de Delincuencia e Crime Organizado (UDYCO) da Policía Nacional iniciado en decembro de 2008 ante as numerosas noticias acerca de venda de cocaína e heroína na zona de influencia de Vilagarcía de Arousa.
Segundo recolle o escrito de acusación, comprobaron que Juan Miguel G.S., coñecido como 'Juanjo', que agora se enfronta a nove anos de prisión, desenvolvía unha intensa actividade de venda de cocaína e, en menor, medida, heroína. Nalgunhas ocasións levaba a cabo funcións de intermediación na venda, obtendo beneficios por poñer en contacto a vendedor e comprador, e outras veces adquiría el directamente a droga, a 'cortaba' e vendíaa xa adulterada. Nestas operacións colaboraba activamente con el o seu irmán José Luis G.S., para quen o fiscal pide sete anos e seis meses de prisión.
O fiscal sostén que 'Vitriño' está "intimamente relacionado" cos irmáns G. S. e que a investigación da UDYCO puido determinar numerosos contactos entre eles coa finalidade do tráfico ilícito de cocaína. Un deses contactos produciuse o 14 de xullo de 2009 no polígono industrial de Tremoedo coa implicación do tamén procesado J.A.R.P. para quen piden catro e anos e seis meses de prisión.
Relacionadas:
-
Vitriño négase a declarar no xuízo de tráfico de cocaína que, por fin, se iniciou na Audiencia Provincial
Por Redacción |
-
A ausencia de dous maxistrados obriga a suspender, por cuarta vez, o xuízo contra "Vitriño"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A Audiencia retomará en marzo o xuízo contra dez arousanos por traficar cocaína
Por Redacción |
-
A Audiencia suspende o xuízo contra dez arousanos por traficar cocaína na zona de Vilagarcía
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Dez arousanos, entre eles 'Vitriño', sentan no banco por traficar cocaína na zona de Vilagarcía
Por Natalia Puga |