Caldas recibe 450.000 euros do Plan Concellos para renovar a rúa Loureiros e actuar na finca "A Tafona"
Por Redacción
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar dous novos investimentos en Caldas de Reis ao abeiro do Plan Concellos 2016, cun importe total de 449.559,78 euros, e que sitúan o grao de execución deste en Caldas ao 100%.
En concreto, 105.100 euros son para a renovación da rúa Loureiros e, por outra banda, outros 344.459,78 euros con destino á construción de vestiarios e dunha poza de seis metros na finca "A Tafona". Ambas as dúas actuacións veñen encadradas na liña de investimentos do Plan Concellos 2016.
Anteriormente, Caldas xa recibira 57.074,33 euros destinados á renovación da rúa Juan Fuentes Echevarría, 22.300 euros para financiar o profesorado da Escola de Música, un proxecto de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero, a V Feira Tradicional, un proxecto de promoción turística, o Congreso Galego de Medioambiente e un obradoiro de manexo de smartphones e tablets para persoas maiores e, por último, outros 67.413,60 euros cos que oito persoas se incorporaron aos servizos municipais de Caldas.
Os 596.347,71 euros investidos ao abeiro do Plan Concellos 2016 en Caldas de Reis representan o 100% do seu orzamento neste plan de cooperación municipal.