O modelo de xestión do Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro recibe críticas positivas de expertos europeos

Por Redacción
O xerente do Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro (PAAR), César Abella Vázquez da empresa TRIVIUM, foi convidado pola Université Paris-Sorbonne a presentar un relatorio no Congreso sobre a Gobernanza Turística dos Itinerarios Culturais, Cooperación, Creatividade e Innovación. Unha actividade enmarcada dentro do proxecto HECTOR, financiado pola Comisión Europea no marco do programa Erasmus+ e organizado polas universidades de EIREST (Université de Paris 1 Panthéon-Sorbonne), CAST ( Università di Bologna - Campus Rimini) e do Instituto Europeo de Itinerarios Culturais - Consello de Europa.
A comunicación, que recibiu críticas positivas por parte dos expertos europeos, tivo como idea principal mostrar o deseño e implementación do novo modelo de xestión turística e cultural do Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro, un espazo arqueolóxico integrado dentro do Itinerario Cultural Europeo de Camiños de Arte Rupestre (CARP) desde o ano 2015.
O novo programa de acción ten por finalidade aumentar tanto o número total de visitantes, como o seu grao de satisfacción e de calidade na visita. Para iso, puxéronse en marcha diversos programas en relación á colaboración e activación da poboación local; o deseño e comercialización de novos produtos turísticos; nova estratexia comunicativa; o deseño e comercialización de actividades para público escolar e familiar; e a colaboración conxunta con universidades na organización de programas formativos para especialistas e público non iniciado.
Un traballo que xa está a dar froito en diferentes segmentos do público que visitan o Parque, especialmente o escolar e familiar.
Relacionadas:
-
O parque arqueolóxico de Campo Lameiro programa catro cursos formativos para 2017
Por Redacción |
-
O Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro aumentou máis dun 20% o seu número de usuarios
Por Redacción |
-
Petra, imaxe e impulso da ruta de arte rupestre de Terras de Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Volven organizar o Noitepedras astronómico logo do éxito da primeira edición
Por Redacción |
-
Como se fundían os metais na Prehistoria? En Campo Lameiro terás unha demostración
Por Redacción |