Marcando o paso ao alzhéimer
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Este mércores 21 de setembro celébrase o Día Mundial do Alzhéimer, cun lema que fai referencia á necesidade de avanzar sempre cara adiante na consecución dos obxectivos para os que traballan as asociacións de familiares.
Por ese motivo, a Federación Alzhéimer Galicia puxo en marcha a campaña "Marcando o paso ao alzhéimer", que ten como principais reivindicacións:
- A declaración desta enfermidade como prioridade de saúde pública.
- O recoñecemento automático do 33% de discapacidade á persoa diagnosticada de alzhéimer ou outra demencia neurodegenerativa.
- A posta en marcha dunha política de Estado de Alzhéimer, establecendo en Galicia unha Estratexia Transversal de Atención ás Demencias que involucre a todos ámbitos da administración pública.
- Recoñecemento público da figura do coidador familiar, dotándolle de recursos oportunos durante a etapa de coidado e unha vez o coidado finalizou.
CHAMAMENTO ÁS ADMINISTRACIÓNS
Coincidindo con este día, a Presidenta da Deputación provincial, Carmela Silva, asegurou que "hoxe ten que ser un día para facer un chamamento a todas as administracións tanto a nivel europeo como español e o conxunto das comunidades autónomas, e particularmente á Xunta de Galicia, para que se faga fronte con recursos suficientes en canto a investigación e atención de calidade a todas as persoas que padecen alzhéimer".
Asegurou ademais a presidenta que "son a Unión Europea, o goberno do Estado e a Xunta de Galicia quen teñen competencias para loitar contra unha situación que padece unha porcentaxe amplísima da sociedade".
Silva engadiu a este respecto que dende a Deputación de Pontevedra "quero que se escoite a nosa voz para que sexan esas administracións competentes as que formulen e poñan en marcha proxectos, con recursos suficientes, repito, para que esas persoas sexan atendidas coa dignidade que merecen".
Relacionadas:
-
Marín ofrecerá un curso para coidadores de persoas cunha demencia
Por Redacción |
-
O Pazo Provincial tinguirase de violeta na noite do martes e o mércores
Por Redacción |
-
As farmacias pontevedresas asesoran a familiares e coidadores de persoas con alzheimer
Por Redacción |
-
Gargalladas solidarias con Luís Piedrahita para loitar contra o Alzheimer
Por Mónica Patxot |