Moraña instala unha pista multideporte de uso público
Por Redacción
A secretaria territorial da Xunta en Pontevedra, Ana Ortiz, acompañada do xefe territorial de Presidencia en Pontevedra, Ramón Pereiro, realizou unha visita técnica este xoves ao concello de Moraña, invitada pola alcaldesa do municipio, Luisa Piñeiro, co obxectivo de facer unha comprobación material das obras que se están a realizar a través da orde de subvención para infraestruturas de uso público.
Grazas a estas axudas, o Concello de Moraña está a levar a cabo a instalación dunha pista multideporte de uso público na rúa 7, en Santa Lucía.
"O noso obxectivo é seguir a mellorar esta zona do casco urbano, polo que consideramos moi interesante ofertar aos vecinos equipamento de tipo deportivo e de ocio como é esta pista multideporte, xa que estará instalada moi cerca do CPI Santa Lucía, así como da escola infantil municipal e de dous pavillóns deportivos municipais e do campo de futbol de O Buelo", explicou Luisa Piñeiro.
Segundo apuntou Luisa Piñeiro, "no futuro queremos ampliar esta oferta de ocio e deporte coa construción dunha pista de patinaxe ou de skate, con novos xogos infantís e unha zona verde. Pretendemos así crear un novo espazo no concello para o desenvolvemento da vida social ao aire libre a través da diversión e da práctica deportiva".
O proxecto conta cun investimento de 45.109 euros, dos cales 40.000 procederon da subvención da Xunta, que é o 80% do orzamento total, aportando o concello o 20% restante máis o IVE.