O PP pide que a Deputación aumente en 20 millóns de euros os fondos que destina aos concellos
Por Oskar Viéitez
O grupo provincial do Partido Popular pedirá este venres no pleno da Deputación de Pontevedra que o goberno bipartito aumente en 20 millóns de euros o Plan Concellos, e para iso propoñen que destinen os preto de 9 millóns que van recibir extra da liquidación do Estado, e que a cantidade restante a completen con partidas xenéricas do orzamento provincial e que a estas alturas do ano están practicamente sen executar.
Así o explicou este xoves o voceiro dos populares, Ángel Moldes, acompañado polo deputado Luis Aragunde. Moldes recordou que os orzamentos do estado do ano 2014 contemplaron unhas achegas ás arcas provinciais de 153 millóns de euros, pero que finalmente esta cantidade se incrementará en 8,8 millóns de euros extra como resultado de que a recadación dos tributos procedentes do IRPF, IVE, impostos especiais sobre a cervexa ou tabaco, entre outros, foron superiores aos previstos.
Esta nova liquidación do Estado que a Deputación vai recibir estes días complementaríase, segundo a proposta do PP, "con partidas xenéricas que a día de hoxe están sen practicamente sen executar e que non se sabe que van facer con elas. Poden destinarse perfectamente para o Plan Concellos, que debería ser o protagonista do día a día desta casa".
BALANCE DO PLAN CONCELLOS
Segundo os datos facilitados polo goberno provincial, dos 60 municipios da provincia que integran o Plan Concellos, 42 xa teñen completado o 100% das catro liñas de actuación.
A día de hoxe, o Plan Concellos 2016 sitúase ao 94% de execución nas súas catro liñas de actuación (1 de investimentos; 2 de gastos correntes, amortización e pagamento de débedas; 3 de actividades deportivas, culturais, musicais e medioambientais; e 4 de plan de emprego).
As liñas 2, 3 e 4 xa están ao 100%, mentres que a liña 1, que é a que aínda non está finalizada, xa se atopa ao 90%. Isto supón que, na actualidade, 37 millóns de euros da Deputación de Pontevedra xa están investidos nos concellos a través deste plan provincial de actuacións.
Dentro das políticas de apoio aos concellos dende a Deputación, o goberno provincial lembrou que ademais que, aos 40 millóns de euros do Plan Concellos, hai que sumarlle todas as axudas dos distintos servizos provinciais -servizos sociais, deportes, xuventude ou cultura, entre outros-, que sitúan por enriba dos 60 millóns de euros a cifra total de investimentos este ano nos concellos da provincia.