Caroi será zona de custodia para o cabalo galego de monte
Por Redacción
Os montes de Caroi contarán cunha zona de custodia para a protección do cabalo galego de monte. Así o acordaron a comunidade de montes, o Concello de Cotobade e a Escola de Forestais de Pontevedra.
Trátase dun acordo voluntario polo que os propietarios dos terreos, neste caso a comunidade de Caroi, comprométense a favorecer os hábitats para os cabalos e ademais permitirán a realización de investimentos para crear corredores ecolóxicos, peches, zonas de frondosas e outras actuacións que favorezan a habitabilidade deste espazo natural.
Durante a sinatura do acordo, o alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, explicou que existen numerosos problemas que dificultan a supervivencia do cabalo galego de monte, como os peches, a alimentación ou os lobos e fixo unha firme defensa desta acción, pioneira en Europa, "para protexer a estes animais e favorecer que cada vez haxa máis bestas nos montes".
O proxecto, que se desenvolveu nesta primeira fase de estudo no Lugar de Interese Comunitario (LIC) Serra do Cando, dará a coñecer todos os resultados obtidos nunhas xornadas informativas, aínda que xa se coñece que o censo cabalar nestes espazos do Monte Seixo é de 500 cabezas repartidas entre Cotobade, Cerdedo, Forcarei, A Lama e Beariz.
A partires de agora, comezará a posibilidade de optar a axudas europeas, para o cal se precisaba do acordo de creación de zona de custodia, para efectuar investimentos e actuacións que consoliden a presenza desta especie nos montes de Caroi e a súa contorna.
Pola súa banda, o director da Escola de Forestais, Enrique Valero, desvelou que o cabalo galego de monte "é unha raza case única en toda Europa" e por iso a Unión Europea está moi interesada en facer investimentos que axuden á súa preservación.
O estudo realizado no último ano serviu para facer un censo e coñecer outros aspectos, como o seu comportamento natural, a reprodución e cría ou os ataques doutros animais como o lobo e, a partires do mesmo, proporán medidas con financiamento europeo para mellorar as súas condicións de vida e garantir a supervivencia desta raza.
"Estes cabalos están algo abandonados, pero son fundamentais para o mantemento do hábitat propio dos montes galegos e a Unión Europea entendeuno perfectamente", concluíu Valero, que destacou o apoio da Fundación Biodiversidad nesta iniciativa.