Os xogos tradicionais deixan paso a unha xornada con múltiples actividades para nenos
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Numerosos nenos puideron gozar este xoves dunha xornada dedicada aos xogos tradicionais na praia de Silgar. Cedidos polo veciño municipio do Grove, os xogos foron un ano máis un elemento capaz de axuntar a pais, avós e netos nunhas horas de lecer diferente.
Desde os xogos máis coñecidos e populares a outros máis sofisticados e complexos, todos eles puxeron a proba a destreza de nenos e maiores que viviron dunha forma moi diferente esta asollada xornada de praia.
Os xogos tradicionais dan paso así a unha xornada, a do venres que tamén terá aos máis pequenos como protagonistas indiscutibles. Ás 12 da mañá os nenos volven ter unha cita en Silgar. Ata o areal desprazaranse un total de seis monitoras para volver facer unha proposta de lecer de diferente. Nesta ocasión tratarase dun gimkana de xogos na que poderán participar por equipos.
As monitoras exporán unha serie de actividades que os grupos deberán ir realizando e todas elas virarán ao redor das Bandeiras Azuis, xa que se trata dunha xornada na que se pretende dar a coñecer este distintivo e a importancia que ten nun municipio turístico como Sanxenxo.
Pola tarde, os máis pequenos volverán ser os protagonistas indiscutibles. De 17 a 19 horas a Concellería de Festas poñerá a disposición dos nenos varios inchables, que poderán ser utilizados en función das idades, de forma gratuíta durante dúas horas. E a partir das 19 horas, e coa colaboración do persoal do Servizo de Emerxencias terá lugar a Festa da Escuma.