"Depo Ruarte" empeza en setembro con numerosas actividades para os mozos
Por Redacción
Durante a primeira quincena de setembro, o programa "Depo Ruarte", posto en marcha pola Deputación de Pontevedra a través do Servizo de Cohesión Social e Xuventude, vai desenvolver máis de 20 actividades en outros tantos concellos da provincia para mozos. Trátase de propostas de lecer que atenden as demandas actuais da xuventude, servindo ademais de espazos de encontro e intercambio de experiencia para todos os participantes.
- Campo Lameiro vai desenvolver o curso "Curtametraxes co móbil"
- Cotobade, "Cociña en Verde"
- Cuntis, "Graffiti"
- O Grove, "Monólogos na rúa"
- Meaño, "Coctelería e batidos sen alcohol"
- Ponte Caldelas, "O mundo no prato"
- Sanxenxo, "Curtametraxes co móbil"
- Vilaboa, "Hip-hop"
- Vilagarcía de Arousa, "A cociña da avoa"
Os mozos, de entre 14 e 30 anos, interesados en algunha destas actividades deben inscribirse no concello correspondente, podendo facelo aínda que non estean empadronados. No caso de quedaren prazas libres, tamén se poderán anotar persoas de fóra dese rango de idade.
As actividades ofertadas en "Depo Ruarte" agrúpanse en cinco bloques temáticos, acordes coas preferencias e gustos da mocidade actual. Trátase de MusicArte, RuArte, UrbanArte, CreArte e CociñArte. Dende o pasado mes de xuño e ata mediados de setembro, mozos da provincia poden participar, por exemplo, en actividades como graffiti, monopatín, break dance, cociña de doces, funki ou monopatín. A Deputación inviste nesta iniciativa 98.570 euros.