Así é sobre o terreo a operación Centinela Gallego da Brilat
Por Redacción
A operación Centinela Gallego da Brigada de Infantería Lixeira (Brilat) para a loita e prevención dos incendios forestais en Galicia continúa e os seus responsables non cesan no seu empeño para conseguir a máxima coordinación e a colaboración coa poboación e cos organismos que traballan na loita contra o lume. Este xoves, o xeneral Luís Cebrián Carbonel, xefe da Brilat e responsable da operación, visitou ás patrrullas que se encargan da chamada 'área Azor'.
Segundo informou a Brilat a través dun comunicado, continuando coas visitas que o xefe da Forza está a realizar ás distintas áreas do dispositivo, nesta ocasión foi a quenda da bautizada co nome da mascota da Brigada, un azor, e que engloba os concellos de Mondariz, Mondariz-Balneario, Ponteareas, Salvaterra de Miño, Covelo, As Neves, Arbo, A cañiza, Crecente, Melón, Lobios, Muiños, Calvos de Randín, Baltar e Cualedro, todos no sur da provincia de Pontevedra e a provinca de Ourense.
O xefe de área explicou ao xeneral a situación da operación na súa zona, na que hai despregadas nove patrullas que, desde o comezo da operación en xullo, trasladou aos responsables da loita contra o lume da Xunta de Galicia e as Forzas de Seguridade 79 avisos, entre incendios, conatos e queimas.
A responsable da área Azor trasladou ao xeneral Cebrián a boa acollida que recibiron por parte da poboación local e a estreita colaboración entre os distintos organismos que traballan na prevención de incendios forestais. A continuación, acompañou ao xefe da Brilat a inspeccionar sobre o terreo o traballo das patrullas.