Luis Bará: "O PP ten unha obsesión enfermiza co Concello de Pontevedra"
Por Anxo Lourido
"Hai alcaldía de Lores para moito tempo", así de claro mostrouse Luís Bará, cabeza de lista do Bloque Nacionalista Galego pola provincia de Pontevedra ás eleccións á Xunta de Galicia previstas para o próximo 25 de setembro. O tamén concelleiro nacionalista no goberno local de Pontevedra saía en resposta ás críticas realizadas polo secretario xeral do PPdeG Miguel Tellado, que vinculaba o futuro de Fernández Lores na alcaldía de Pontevedra a uns posibles malos resultados do Bloque nas próximas eleccións.
Bará sinalou que as eleccións autonómicas non teñen nada que ver coas municipais e afirmou que nunca vira tan en forma a alcalde de Pontevedra, ademais de sinalar que o BNG se presenta como unha opción seria a estes comicios.
O candidato pola provincia dos nacionalistas asegurou que o Partido Popular ten unha "obsesión enfermiza co Concello de Pontevedra" e engadiu que "xa lle gustaría ao PP ter un goberno como o de Lores, un concello coas ideas claras".
Desta forma, Luis Bará relatou a falta de investimentos en Pontevedra por parte dos populares nos seus gobernos á fronte da Xunta e denunciou a utilización partidista das institucións e a falta de lealdade por parte de Núñez Feijóo e Alfonso Rueda.
Neste sentido, o candidato do BNG sinalou, entre outros incumprimentos, a falta de investimento na ponte das Correntes por parte da administración autonómica; no saneamento do río dos Gafos; na variante de Alba ou na mellora das rías. Ademais, lembrou a culpa que teñen os populares da prórroga de 60 anos concedida a Ence.