60.000 euros de investimento para oito obras en Ponte Caldelas
Por Redacción
O goberno municipal de Ponte Caldelas está realizando obras por valor de 60.000 euros en oito lugares do concello onde, sinalan, se están a solucionar diversas deficiencias que foron obxecto de reclamacións por parte dos veciños. Están a ser acometidas con persoal propio.
A fonte do Casteliño, que se atopaba en mal estado por falta absoluta de mantemento, está a ser arranxada e quedará acondicionada en poucos días. As pedras estaban a punto de caer por causa do empuxe das raíces dunha acacia. Retirada a árbore e recolocados e limpados os elementos pétreos, o conxunto estará en perfectas condicións.
O alcalde subliña que moitos veciños collen auga neste punto, polo que era necesaria unha actuación do Concello para corrixir anos de abandono.
Os operarios municipais remataron tamén muros de contención en camiños municipais de Taboadelo, Baltar e Aluncía, respondendo así as queixas dos residentes, que tiñan advertido do risco de desprendementos.
As obras máis custosas tiveron que ver con tres canalizacións de augas pluviais, para evitar o asolagamento dos baixos das vivendas nos camiños de Esfarrapada, Buchabade e Laxoso de Abaixo. Aí colocáronse tubaxes e redes de recollida que deixan solucionado un problema que se viña arrastrando dende hai moitos anos.
Finalmente, o Concello de Ponte Caldelas solucionou o acceso ao servizo de saneamento nunha vivenda da Reigosa grazas á colaboración da comunidade de montes. Despois da instalación de case 200 metros de tubo a través do monte comunal, esta vivenda queda conectada á rede de saneamento executada pola Xunta hai varios anos.