A Comunidade de Montes de Aluncía, en Ponte Caldelas, pioneira na instalación de paneis solares nas súas vivendas
Por Redacción
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, reuniuse coa directiva da Comunidade de Montes de Aluncía, na parroquia de Xustáns, para coñecer de primeira man a iniciativa para redución de consumo enerxético nas súas vivendas.
A Comunidade decidiu instalar unha serie de paneis solares nas vivendas de todos os comuneiros o que suporá que cada vivenda poderá ter un aforro de entre o 50 e o 70% no consumo eléctrico, sempre que se axusten ás horas de maior producción de enerxía na súa vivenda.
Trátase dunha idea pioneira que supuxo un investimento de 139.680 euros e que se puxo en marcha fai algo máis dun mes logo de que fose aprobado por unanimidade en asamblea. A día de hoxe xa teñen instalados e funcionando os paneis en 20 vivendas e estase a procedendo á colocación nas últimas catro.
As 7 placas solares xeran 3.100 vatios de potencia e que contan cun convertidor de 5.000 vatios tivo un custo de 5.820 euros por vivenda. Explicou presidente da Comunidade de Montes de Aluncía, José Alcides Marante Diz, que tamén contan cunha aplicación móbil na que "podemos controlar a enerxía que se está producindo as 24 horas do día, a que estamos a consumir na viviendas e o excedente que se verte á rede", o que permite a cada usuario aproveitar as horas de maior producción para axustar os consumos da vivenda.
Ademais, unha vez que esté realizada a instalación en todas as viviendas procederán a dar as correspondentes altas en Industria para que a comercializadora lles compense económicamente na factura da luz os excedentes de enerxía que verten á rede eléctrica. Cada particular poderá solicitar, se o considera, as axudas que anualmente se publican diferentes administracións para a instalación de enerxía fotovoltaica.
Durante a reunión, o alcalde de Ponte Caldelas felicitou á Comunidade de Montes de Aluncía por esta iniciativa pioneira e que beneficia de xeito inmediato e directo ós comuneiros. "En menos dun mes están as placas colocadas en todas as vivendas e o aforro é inmediato", comentou Díaz, que agarda que "sexan moitas as comunidades de Montes de Ponte Caldelas e de calquera outro lugar as que tomen a iniciativa para lanzar proxectos deste tipo, que repercuten moi positivamente nas familias e que supoñen un importante aforro no recibo da luz".
Concluíu Díaz que "é importante destacar que a maior parte das comunidades de montes reinvirten a totalidade dos seus ingresos en reforestacións e, neste caso, fíxose unha inversión en beneficio da comunidade a través da enerxía renovable para o autoconsumo, que é o futuro. É unha aposta polas enerxías renovables que beneficia directamente á persoas, e que se sitúa moi lonxe dos megaproxectos das grandes compañías eléctricas que buscan implantar parques eólicos ou estacións fotovoltaicas que non repercuten positivamente na sociedade".