En marcha as obras de reparación da "chapuza" do muro de Taboadelo
Por Redacción
O goberno local de Ponte Caldelas puxo en marcha estes días as obras de reparación da "chapuza do muro de Taboadelo", un dos elementos máis significativos da "herdanza" que deixou o anterior goberno municipal do PP.
"A obra consiste na consolidación do muro de contención e a retirada total do recheo de terra mal compactada que se fixo a toda présa durante a campaña das eleccións municipais de 2015 por parte do anterior equipo de goberno popular", según explicaron dende o goberno caldelán. "As deficiencias da apresurada execución provocaron o afundimento do firme coa chegada do inverno e obrigaron a un precintado parcial da vía", engadiron.
Atendendo ás peticións dos veciños, o ensanche da pista central do lugar prolongarase outros dez metros máis ata o seu remate co entronque coa estrada provincial que comunica coa Reigosa e Xustáns. As obras foron contratadas polo Concello no marco da execución de varios muros e teñen un orzamento que ronda os 10.000 euros. Estarán rematadas nas próximas semanas.
O alcalde Andrés Díaz subliña que en Taboadelo se fixo "unha auténtica irresponsabilidade que xerou un risco real de accidentes e todo por culpa das prisas do PP por inaugurar en campaña electoral, algo moi propio deles". Agora confía en que todo quede solucionado definitivamente, non só pola reparación da chapuza, senón pola prolongación do ensanche e a mellora definitiva da seguridade viaria neste acceso.
Non obstante, a herdanza, insiste Díaz, "non só é de chapuzas e abandonos, senón tamén dun endebedamento municipal que chegaba ao millón de euros cando nós chegamos e que deixaremos, ao remate deste ano, nunha cifra bastante próxima aos 700.000 euros, todo elo produto dunha xestión económica na que rematou o despilfarro e o gasto sen control".