A Peregrina lucirá o seu manto orixinal en procesión 43 anos despois
A virxe da Peregrina lucirá en todo o seu esplendor no seu día grande, o 14 de agosto. Leva 43 anos -a última vez foi en 1973- sen vestir en procesión o seu manto orixinal, de cor azul e bordado en ouro. O seu precario estado de conservación impedía que puidese portalo nas festas que levan o seu nome. Pero xa non volverá ser así.
Un laborioso traballo de restauración, coordinado pola cofradía do Santo Refuxio da Divina Peregrina, permitirá que a virxe volva vestir as súas mellores galas. Ata agora, lucía nas procesións un manto branco e dourado, un agasallo do toureiro Ángel Teruel.
O manto orixinal, que ten uns 150 anos de antigüidade, xa fora restaurado nunha ocasión. Concretamente, segundo a cofradía, en 1927. Entón, 30 monxas do convento de Santa Clara foran as encargadas de retocar esta vestimenta, creada a partir dunhas teas doadas por unha tapicería pontevedresa.
Agora foi Natividad Fontán quen se fixo cargo desta nova restauración. Asegura que estivo traballando neste proxecto desde o pasado mes de setembro. "Lo fui haciendo poco a poco", explicou durante a presentación pública do manto restaurado.
O estado no que se atopaba, coa tela raída e encollida, fixo aínda máis difícil este traballo porque "si pinchabas con la aguja donde no debías podía deshacerse", polo que a modista non dubida en asegurar que este encargo "fue más laborioso que hacerlo todo nuevo".
A tea, que antes era raso de algodón agora é muaré, pero cos flecos orixinais e o mesmo tipo de bordados dourados. "Los fuimos pasando uno a uno con mucho cuidado", destacou Natividad Fontán, aproveitando os adornos e as pedras preciosas xa existentes. Tamén se restaurou o gorro que foi regalado no seu día pola familia Prieto-Mercadillo.
A virxe estreará este manto renovado na misa solemne que se celebrará o día 14 ao mediodía e sairá con el na habitual procesión da Peregrina, que como sempre será ás nove da noite. A partir de aí, os fieis poderán velo no santuario ata o 8 de setembro, día no que pasará a vestir outro dos seus vestidos de festa.
Así o explicou Marucha Marescot, a persoa responsable de vestir á virxe. Un traballo que fai "con mucho orgullo" e cuxa devoción vénlle de familia. "Ha sido siempre nuestra vida", asegura. "Hemos trabajado mucho por esta virgen". Ela é a encargada de coidar os máis de quince vestidos que se custodian no camerino da Peregrina. "Tiene algunos muy bonitos", pero recoñece que o manto "es especial" e está ansiosa por poñerllo de novo.