O Concello de Ponte Caldelas incrementa nun 60% as axudas ás ANPA
Por Redacción
Un total de 10.800 euros é a cantidade total coa que o Concello de Ponte Caldelas demostra o seu apoio ao movemento educativo no municipio.
As subvencións que se reparten ás Asociacións de Nais e Pais (Anpa) crecen neste exercicio nunha porcentaxe que está moi preto do 60%, alcanzando as cifras máis elevadas dende que se instauraron este tipo de achegas. Ao mesmo tempo, o Concello decidiu manter as axudas directas aos tres centros escolares para a organización da súa excursión anual.
O alcalde, Andrés Díaz, afirmou que deste xeito queda moi claro o compromiso do Concello de Ponte Caldelas co ensino público e coa conciliación laboral e familiar.
O responsable municipal subliña que as achegas concretas ás tres ANPA de Ponte Caldelas son mesmo superiores ás que se conceden en moitas das grandes ciudades galegas.
O goberno local tripartito de Ponte Caldelas (formado polo PSdeG-PSOE, AVP e BNG) está moi satisfeito coa dinamización social que xeran as ANPA, porque, ademais de potenciar o movemento asociativo xerando tecido social, traballan a prol do ensino público.
O reparto municipal desglósase entre os 3.500 euros que vai recibir a ANPA Verduxo do colexio Manuel Cordo Boullosa; 3.000 euros para ANPA da Reigosa e 2.000 euros para ANPA Valderrosa do Instituto de Ensino Secundario.
A estas cifras hai que engadir os convenios xa asinados polo alcalde cos directores dos centros escolares para financiar a excursión anual e que supoñen a entrega de 400 euros ao colexio Cordo Boullosa, 1.000 euros ao da Reigosa e outros 900 euros ao instituto.