A Policía Local de Sanxenxo xa pode facer controis antidroga
Por Redacción
Unha axuda da Deputación de Pontevedra, enmarcada dentro do Plan Concellos, permitiu á Policía Local de Sanxenxo contar con novos medios para identificar a condutores que conducen baixo o efecto das drogas.
En concreto, os axentes de Sanxenxo contan desde hai uns días cun equipo que lles permite facer as probas correspondentes para detectar un posible consumo de drogas ou de calquera outro estupefaciente.
A partir de agora, a Policía Local dispoñerá deste aparello nos controis de alcoholemia que habitualmente realiza, podendo solicitar aos condutores que se sometan a esta proba no caso de que o consideren necesario.
Catro son os supostos nos que a Policía Local utilizará este aparello para facer a proba: cando o condutor presente síntomas que fagan sospeitar aos axentes dun posible consumo de estupefacientes; en caso dun sinistro, se cometeu algunha infracción de tráfico ou nun control rutineiro.
Un resultado positivo nesta proba supón para o condutor unha sanción de 1.000 euros e a detracción de 6 puntos, ademais de poder supoñer un delito tipificado no Código penal penado con prisión de 3 a 6 meses e privación do dereito para conducir entre 1 e 4 anos.